As mozas e mozos galegos poderán activar o Carné Xove tamén por vía electrónica. A Xunta vén de habilitar un formulario na rede para que aqueles que reciben a tarxeta por primeira vez e non poden esprazarse
para activala, poidan facelo desde a súa casa. De igual xeito, os 36 puntos de activación presenciais seguirán dispoñibles.
A Xunta está a enviar aos máis de 400.000 mozas e mozos galegos de entre 12 e 30 anos esta tarxeta de xeito gratuíto aos seus fogares.
Aqueles que con anterioridade ao envío xa tiveran o carné, simplemente recibirán un novo coa imaxe actualizada da tarxeta e xa estará listo para utilizar.
Os que non tiñan Carné Xove deberán activalo, ben nalgún dos 36 puntos habilitados en toda a Comunidade ou ben por vía electrónica.
Dende as 12:00h deste luns
Se a activación se fai a través da rede, a partir das 12.00 horas deste luns habilitarase na web de Xuventude un formulario no que os novos usuarios terán que cubrir os seus datos.
No paso duns días recibirán o código de identificación EYCA (European
Youth Card) ao correo electrónico de referencia. Unha vez recibido, deberase anotar o código manualmente na tarxeta, en concreto, no apartado número de carné.
É preciso destacar que este número de identificación, persoal, é necesario para desfrutar das vantaxes que ofrece este carné tanto na comunidade galega como en España ou nos resto de países da Unión Europea.