A ampliación de Navia, impulsada pola Xunta para permitir a construción de 1.600 novas vivendas protexidas, “terá moi en conta a accesibilidade“.
Segundo figura nos proxectos o 90% dos vieiros, dun total de 7 quilómetros, serán accesibles para usuarios con algún tipo de discapacidade. Ademáis, garantirase un percorrido practicable a todos os equipamentos e áreas de lecer.
Vaos peonís, bandas podotáctiles ou calzadas a cota
Entre as principais medidas cómpre mencionar a instalación de 74 vaos peonís elevados —todos os previstos no ámbito da ampliación—; a colocación de bandas podotáctiles para advertir aos viandantes con discapacidade visual de posibles perigos — escaleiras, ramplas de acceso a prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida, vaos-; instalación de beirarrúas e calzadas a cota en todos os puntos de cruce e no viario
vertebrador, con 1,3 km de lonxitude e no que se lle dará prioridade a peóns e ciclistas.
48 prazas de aparcamento para persoas con discapacidade
Tamén están proxectadas 48 prazas de aparcamento para persoas con discapacidade. Así mesmo, resaltaranse os bordos das zonas axardinadas; diferenciarase o material das reixas dos alcorques —furados polo xeral redondeados que se fan ao pé dunha planta ou árbore— para que sexan fáciles de detectar para os usuarios de bastón branco.
Materiais reciclados
No que respecta ao mobiliario urbano, primaranse os deseños e materiais respectuosos co medio ambiente. Así, os bancos fabricaranse a partir de plástico reciclado.
En concreto, as fontes de auga e os 70 bancos que se distribuirán ao longo de toda a urbanización, serán accesibles. Tamén, nas áreas de lecer optarase tamén por tipos de mesas adaptadas. Todos estes elementos irán sempre colocados fóra dos itinerarios peonís.
Tramitación municipal das tres fases da urbanización
O pasado 11 de maio o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) remitiu ao Concello de Vigo a documentación relativa ás tres fases nas que se dividirán as obras de urbanización.
A ampliación, polo tanto, está en mans do Goberno municipal, que terá que aprobar inicialmente os proxectos. De seguido, haberá que sometelos a exposición pública 30 días, solicitando simultaneamente os informes sectoriais que correspondan.
Unha vez recibidos estes informes, a Administración local disporá dun máximo de tres meses para proceder á aprobación definitiva dos proxectos das fases 1, 2 e 3, un paso indispensable para poder licitar as obras.
Neste sentido, dende a Xunta lembran que a aprobación dos proxectos de urbanización facultará ao Goberno galego a levar a cabo a expropiación dos terreos que non se puideron adquirir aínda mediante compravenda ou permuta.
A tal fin, o IGVS iniciou xa a tramitación dos expedientes de expropiación o 6 de abril.
Unha vez adquiridos os terreos necesarios para a ampliación de Navia, a Xunta procederá a licitar a primeira fase da urbanización. Deste xeito e tras executar estas obras, en 2021 poderase iniciar a comercialización das primeiras parcelas para que empresas e cooperativas se fagan coa titularidade dos terreos e iniciar así a edificación.
A ampliación do solo residencial en San Paio de Navia suporá un investimento de 250 millóns de euros por parte de promotores públicos e privados sobre unha superficie de 265.000 metros cadrados. Ademáis de 1.600 vivendas, acollerán zonas verdes e máis de 1.000 prazas de aparcamento.