O Festival de Cans acollerá por segunda vez o Concurso “Pintar o Cine” de Pintura Rápida. A actividade, que estará patrocinada pola empresa GALPI (Galicia de Pinturas), terá lugar no Porriño, no entorno da Praza do Concello, o xoves 2 de setembro.
O concurso que se realizou con éxito por primeira vez no ano 2019, non se celebrou na edición pasada por motivo da pandemia. A organización estimou este ano retomar a actividade ante a mellora en materia sanitaria. Non obstante, o día do concurso a organización cumprirá estrictamente coas normas que estableza a lexislación vixente nese momento.
Pintar no momento
Os e as participantes pintarán unha obra in situ para desfrute do público, que poderá observar como desenrolan as súas creacións desde o comezo ata a finalización. A temática do concurso será “Pintar o cine”, en virtude da cal os creadores e as creadoras terán que elaborar unha obra que conteña unha escena dunha película coñecida e que inclúa a silueta do can de Cans.
Os candidatos e candidatas poderán inscribirse enviando un correo electrónico a [email protected] con data límite, domingo 15 de agosto. As 10 propostas finalistas serán elixidas por unha comisión de persoas da organización do festival.
O xurado do concurso estará composto por tres persoas relacionadas co mundo da arte, e estará encabezado pola Directora Artística do Festival de Cans, Isis Rodríguez. As dúas mellores creacións serán premiadas da seguinte forma: 1º Premio: 400€ + Estatuiña en pedra realizada polo artesano local Paco Candán. 2º Premio: 200€ + Estatuiña en pedra realizada polo artesano local Paco Candán.