Cultura Vigo al minuto

Vente a ver as estrelas dende as Illas Atlánticas

A programación chegará aos catro arquipélagos aínda que a oferta concentrarase en Cíes

A programación chegará aos catro arquipélagos aínda que a oferta concentrarase en Cíes

O Parque Nacional das Illas Atlánticas volve albergar un verán máis unha completa programación de actividades astronómicas.

Por quinto ano consecutivo, a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (Fegar) encargarase de dirixir e coordinar as distintas accións de dinamización previstas para difundir os valores que desde o ano 2016 acreditan a este espazo natural como destino turístico Starlight.

Para logralo, Fegar desenvolverá actividades de carácter gratuíto e dirixidas a distintos sectores da poboación, incluído o público infantil.
Cómpre lembrar que os destinos Starlight —un selo avalado pola Unesco e outorgado pola Fundación Starlight— son lugares visitables que gozan dunhas condicións óptimas para a contemplación dos ceos estrelados.

Programación

Neste sentido, a programación astronómica prevista para este verán nas Illas Atlánticas, que comezou o pasado 1 de xullo, prolongarase ata o 16 de setembro.

A mesma inclúe observacións tanto diúrnas como nocturnas durante as que se porá a disposición das persoas participantes material óptico de última xeración e equipos electrónicos.

Así, as actividades programadas pola mañá levaranse a cabo entre as 13,30 e as 14,00 horas. As mesmas centraranse na observación solar para ver as protuberancias e a evolución das manchas solares, ademais do
tránsito de diferentes obxectos celestes.

Así mesmo, a observación astronómica en sentido estrito desenvolverase polas noites, concretamente no Lago dos Nenos e na Pedra da Campá no caso das illas Cíes, e en Caniveliñas na de Ons. Adicionalmente tamén se realizarán unha serie de actividades de exploración de corpos celestes dirixidas a nenos, así como de observación de meteoritos, incluíndo a chuvia das Perseidas do mes de agosto.

Aos catro aquipélagos

A programación chegará aos catro arquipélagos aínda que a oferta concentrarase en Cíes —onde se realizarán en total catro quendas: do 1 ao 14 de xullo; do 29 de xullo ao 12 de agosto; do 26 de agosto ao 3 de setembro; e do 6 ao 16 de setembro.

En Ons haberá actividades programadas do 15 ao 28 de xullo e do 12 ao 25 de agosto. As actividades en Sálvora e en Cortegada aínda están sen pechar polo que se irán concretando as datas.

Inscricións

Para poder participar nalgunha destas accións, os interesados deberán inscribirse previamente na propia illa e os grupos organizaranse in situ.

Ao ser actividades ao aire libre, en todo caso, a súa celebración dependerá das condicións meteorolóxicas de xeito que este calendario é susceptible de sufrir posibles alteracións.

Ademais, este ano tamén estará condicionada pola covid e as medidas hixiénico-sanitarias establecidas para os visitantes dentro de todo o Parque.

Así, os grupos serán de como máximo 20 persoas e a duración de cada actividade será dunha hora máximo para reducir o tempo de exposición. A máscara será de uso obrigatorio, daráselles aos participantes protectores oculares individuais para usar os telescopios e respectarase en todo momento a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.

Destino ‘Starlight’ desde 2016

Cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas é destino Starlight desde o ano 2016, de aí a importancia destas actividades.

As mesmas buscan difundir os valores do ceo nocturno do arquipélago e promover a observación das estrelas desde as illas.

Ademais, a finais de 2015 tamén recibiu a Carta Europea de Turismo Sustentable (CETS) en recoñecemento ao seu compromiso activo cunha actividade turística de calidade.

As accións de observación e divulgación astronómica programadas para xullo, agosto e setembro enmárcanse nos obxectivos da CETS, que busca mellorar a calidade da oferta turística do parque, facéndoa compatible coa conservación dos seus valores naturais.

Te podría interesar