Comarcas

A Deputación destina 2,2 millóns do Plan Concellos a 12 vilas da provincia

Son Agolada, Baiona, Bueu, Cangas, Forcarei, Ponte Caldelas, O Porriño, Salceda, Tomiño, Vila de Cruces, Vilaboa e Vilagarcía

A Deputación destina 2,2 millóns do Plan Concellos a 12 vilas da provincia

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar novas achegas da Liña 1 de Investimentos do Plan Concellos 2021 por importe de 2.253.705€ que beneficiarán a doce concellos: Agolada, Baiona, Bueu, Cangas, Forcarei, Ponte Caldelas, O Porriño, Salceda, Tomiño, Vila de Cruces, Vilaboa e Vilagarcía.

Son “recursos á disposición dos concellos para que a xente poida vivir alí onde decida porque ten os mellores servizos e os mellores dereitos”, destacou a presidenta da Deputación.

Mellora da seguridade

Carmela Silva asegurou que a maioría destas actuacións están destinadas á mellora da mobilidade e seguridade viaria, coa pavimentación de
camiños e rúas,
así como á mellora de servizos como o saneamento.

Vilagarcía

A achega de maior contía nesta nova relación é para Vilagarcía. Son 600.715€ para a renovación dos servizos e humanización da rúa Sobrán, unha actuación moi reclamada pola veciñanza, que consistirá na humanización do viario, coa creación dunha plataforma única con prioridade para os peóns.

Tamén acométese renovación das redes de servizos municipais e inclúe o soterrado das redes de servizos de baixa tensión, alumeado e telecomunicacións.

Deza-Tabeirós

Na comarca do Deza-Tabeirós concedéronse achegas a Vila de Cruces, cun total de 471.313 € destinados a financiar a mellora da capa de rodaxe de varios camiños: o que vai de Eirexe á EP-6405, o que vai de Vila de Cruces a Fornelos e tamén un camiño en Amosa e dous en Cumeiro, que se atopan en mal estado de conservación.

Para Agolada, 77.557€ para costear a mellora de camiños de titularidade municipal con firme de formigón nos lugares de Basadroa e Ramil. Son
camiños que se atopan desgastados e precisan de traballos de mellora (ancheo e reforzo firme) e mantemento, tanto do firme como das marxes.

A institución provincial aprobou tamén outra achega de 118.979€ para
Forcarei,
destinada ás obras de urbanización de rúas no núcleo de Outeiro. Os traballos consistirán na habilitación dun novo pavimento de formigón, combinado con outro de pedra rústica nos encontros coas construcións existentes e elementos singulares. Tamén están previstas reposicións de canalizacións de auga e pluviais.

O Morrazo

Na comarca do Morrazo, Bueu recibirá 115.247€ para a mellora e rehabilitación do firme da rúa do alcalde Johan Carballeira (no tramo comprendido entre a PO-315 e a rúa de Montero Ríos. Así mesmo, haberá unha regulación, mediante a instalación de semáforos, da intersección da PO-315-rúa coa do alcalde Johan Carballeira.

Doutra banda, Cangas percibirá 86.616€ para a nova capa de rodadura de viarios municipais 2021. En concreto, realizarase esta actuación para
mellorar a seguridade e resolver problemas de acceso en 5 viarios, dous na
parroquia de Coiro, dous en Darbo e un en Hío.

Pontevedra

Na comarca de Pontevedra, aprobáronse achegas para Ponte Caldelas e Vilaboa.

No primeiro caso, unha axuda de 144.972€ destinada á mellora da seguridade nos viarios do núcleo de Vilarchán, cunha intervención que consistirá na renovación da capa de rodaxe e sinalización viaria, así como actuacións puntuais para a mellora da funcionalidade e da seguridade viaria.

E Vilaboa recibirá dúas achegas, unha de 76.407€ para a posta en valor do Camiño Interior de Santradán (Santo Adrán de Cobres); outra de 83.256€ para a mellora do camiño do Toural ao Picho. No primeiro caso as obras da posta en valor do camiño inclúen traballos de pavimentación, drenaxe (cun novo sistema de recollida de augas) e iluminación (con luminarias Led). No caso das obras do camiño do Toural ao Picho, consistirán na mellora do firme, instalación de elementos de calmado de tráfico e nova sinalización, amais de mellorar a drenaxe de pluviais.

Vigo

Xa na comarca de Vigo, O Porriño recibirá, 135.023€ para a execución de dous tramos de rede de saneamento para dotar de este servizo a varias vivendas no lugar de Portela de Souto.

Baiona recibirá 88.060€ para as obras de mellora de pavimentación, canalización de pluviais, sobreanchos no camiño Casteliño. As obras teñen por obxecto mellorar o acceso da veciñanza da zona, así como completar o saneamento existente para dar servizo ás vivendas existentes e futuras.

O Concello de Salceda, 90.483€ para a mellora da pavimentación dun viario no lugar de Pedracarballa (Entenza). Ampliarase e mellorarase a pavimentación do viario principal e dun ramal, optimizando a rede de augas pluviais.

Baixo Miño

Tomiño disporá de 165.071€ para financiar a senda peonil entre a
rotonda da variante do Seixo coa PO-344 e a rotonda da Pedra. Habilitarase unha senda pola marxe este da estrada con formigón con cor, cunha notable integración no ámbito urbano e dotando de espazos seguros para peóns ao viario existente.

También te puede interesar