Comarcas

As mulleres da fotógrafa Pily Reñones, para sempre no Concello de Tomiño

A nosa compañeira entregou á alcaldesa a súa última obra nomeada aos Premios Goya de fotografía

As mulleres da fotógrafa Pily Reñones, para sempre no salón de plenos de Tomiño

A nosa compañeira, a fotógrafa tomiñesa Pily Reñones foi recibida hoxe no Salón de Plenos do Concello de Tomiño pola alcaldesa e parte do equipo de goberno.

Nun emotivo acto Sandra González, acompañada por varios membros do seu goberno, agradeceu a xenerosidade da fotógrafa, que quixo agasallar ao Concello cunha copia oficial da obra nomeada na categoría de Gráfico Documental nos últimos Premios Goya de Fotografía Profesional e Vídeo.

Un traballo que visibiliza á muller

Sandra González, agradeceu o agasallo e felicitou á fotógrafa polo seu traballo relacionado coa visibilización da muller, “un tema co que estamos moi sensibilizados neste goberno”. Prometeu buscarlle un lugar moi especial, o mesmo que se fixo no ano 2019 con “Holanda”, retrato dunha ancián de Riós (Ourense), co que tamén obtivo un nomeamento aos premios de fotografía zaragozanos.

Fotógrafa especializada en vodas e actos sociais, cultiva unha rica faciana en fotos de autor, foto fixa para documentais e concertos, como os que fixo con Pablo Alborán, Fito, Hombres G, María do Ceu ou Herdeiros da Cruz.

Segundo nomeamento aos Goya de Fotografía

A foto coa que logrou o seu segundo nomeamento aos Goya de Fotografía retrata a unha muller de 92 anos. É Virginia, veciña de Ponteareas, bella, vital e alegre que rexentou antigamente unha tenda de ultramarinos, da que garda innumerables lembranzas.

Comentou Pily que a inspiración chegoulle cando viu a Virginia colocarse xunto a unha antiga pesa que aínda descansa enriba do mostrador. Pensou que a imaxe era “unha boa metáfora da vida; dos contrapesos, das penas e alegrías, do camiño…e dunha muller que finalmente sorrí”.

A fotógrafa quixo que o Concello tivera unha copia dese traballo tan importante para ela, “porque aquí todos os veciños e veciñas poden velo, na miña casa non”.

También te puede interesar