O Bloque Nacionalista Galego defende o mantemento das dúas liñas en 4º curso de Educación Infantil no CEIP Frián Teis, tal e como está a reclamar a comunidade educativa do centro, e rexeita a pretensión da Consellaría de Educación de suprimir unha delas.
Ao Parlamento de Galicia
A deputada do BNG, Alexandra Fernández, anunciou esta mañá que darán traslado desta cuestión ao Parlamento galego a través dunha batería de iniciativas na que reclaman unha rectificación por parte da Xunta.
“A política de recortes educativos ten todo o noso rexeitamento, porque significa que o Goberno galego non ten entendido nada do desenvolvemento desta pandemia. No BNG entendemos que hai que facer o contrario: reforzar os servizos públicos”, explicou a deputada.
Fernández esixe “unha rectificación e o mantemento das dúas liñas de educación infantil no CEIP Frián Teis, sobre todo porque falamos dun centro que é referente, que ten recibido recoñecementos pola súa labor, e o que non pode facer a Xunta é poñerlle paus nas rodas”.
Centro de referencia
O CEIP Plurilingüe Frián Teis é un dos poucos centros públicos da súa contorna, que fica rodeado de colexios privados e concertados. A Xefatura Territorial de Educación comunicou, a finais do pasado mes de xuño, a decisión de fechar unha das dúas liñas do 4º curso de Educación Infantil neste centro de cara ao vindeiro curso escolar 2021-2022, alegando unha pretensa diminución no número de crianzas matriculadas.
No entanto, tal e como puxo en coñecemento da Consellaría de Educación a ANPA do centro, a matriculación non se adoita completar en xuño sendo habitual que se incremente a mesma en setembro.
‘Recorte inxustificado’
Desde o Bloque advirten que a a supresión dunha das liñas en 4º de Educación Infantil supón un recorte inxustificado que terá un grave impacto no devir do propio colexio nos vindeiros anos, na medida en que de se manter suporía a redución paulatina dunha liña nos restantes niveis educativos nos vindeiros cursos, o que resulta especialmente prexudicial para as familias das crianzas que cursan a educación infantil na Escola da Rúa Aragón e que fican adscritas, por zona, ao CEIP Frián Teis para a realización da educación Primaria.
Ademais, esta supresión suporá unha redución de profesorado coincidindo, precisamente, co curso no que a educación infantil do centro se integra dentro do seu proxecto plurilingüe, comprometendo na práctica esa incorporación.