A ‘Vuelta a España’ chega a próxima fin de semana ao Castro de Herville precedida por unha intensa campaña publicitaria organizada dende o Concello de Mos. A plataforma ‘A Auga é Vida’ comparte a preocupación de boa parte da cidadanía, que reclama máis transparencia en torno aos gastos derivados da chegada da etapa e teme que “o evento se convirta, tal como aconteceu o ano pasado, nun acto de propaganda personalista en torno á figura da alcaldesa”.
Por este motivo, a dirección do movemento en defensa do monte e a auga quere convidar a toda a veciñanza a expresar o seu rexeitamento, durante a retransmisión da carreira, á operación urbanística promovida por Nidia Arévalo e o presidente do R.C. Celta, Carlos Mouriño, no monte común de Tameiga.
Ante todo, a plataforma quere facer un chamamento á responsabilidade para que a mobilización do próximo sábado, 4 de setembro, se realice dende o máximo respecto ao desenvolvemento da competición deportiva e cumprindo con todas as recomendacións sanitarias de prevención da Covid-19.
Pancartas, bandeiras e camisolas verdes
As persoas que queiran sumarse á reivindicación poden colgar pancartas en lugares visibles ou nas vivendas situadas ao longo do percorrido, seguir a etapa dende as cunetas vestindo as camisolas verdes contra a construción do centro comercial e ondeando as bandeiras da plataforma, que se poden recoller de maneira gratuíta, en horario de oficina, no local das Pedriñas.
Nas redes sociais
A convocatoria da mobilización realizouse a través das redes sociais e centos de persoas expresaron xa a súa vontade de participar. Non se vai establecer ningún punto de encontro para evitar aglomeracións nun determinado treito da etapa, por motivos de seguridade e tamén para darlle visibilidade á reivindicación ao longo de todo o ascenso ao porto. De acordo co ritmo de carreira máis rápido previsto pola organización, os ciclistas deberían chegar á zona do Cristo de Belén a partir das 16:50 horas. Dende aí, virarán cara ao barrio do Agueiro, igrexa de Pereiras, igrexa de Cela, alto de San Cosme e Castro de Herville, onde estará situada a meta.
A plataforma ‘A Auga é Vida’ confía en que “o Concello e a organización non poñan impedimentos á liberdade de expresión da veciñanza de Mos”.