Comarcas

A Deputación aproba máis dun millón de euros en recursos para seis concellos

As axudas chegarán a Moaña e Lalín grazas ao plan provincial e a Marín,
Meaño, Meis e Mondariz-Balneario

A Deputación aproba máis dun millón de euros en recursos para seis concellos

O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde a máis de
un millón de euros (1.027.800 €)
para outros seis concellos da provincia na súa primeira sesión do mes de setembro.

Trátase de dúas achegas do Plan Concellos, que chegarán a Moaña e Lalín, e da aceptación de fondos do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) para a iluminación exterior sostible nos concellos de Marín, Meaño, Meis e Mondariz-Balneario.

Plan Concellos

Máis polo miúdo, as achegas do Plan Concellos supoñen un total de 210.000€ cos que Moaña asfaltará e formigonará catro camiños e o tramo inicial da rúa Daniel Castelao (120.000 €).

Ademais, Lalín adquirirá terreos para a ampliación do cemiterio municipal da Romea (90.000 €) cos que aumentará a capacidade existente nun 76% para garantir o servizo durante polo menos unha década.

Alumeado

En consonancia co seu compromiso co medio ambiente, o ente provincial
destinará 817.800€ á iluminación exterior sostible de catro concellos.
As actuacións están financiadas nun 80% con fondos europeos e con elas
instalaranse 1.212 novas luminarias e 36 cadros de mando para conseguir un aforro enerxético medio do 75,7%.

Estas axudas europeas irán aos concellos de Marín (preto de 196.000€), Meaño (168.000€), Meis (160.000€) e Mondariz-Balneario (máis de 130.000€).

También te puede interesar