O equipo CESGA-UNEX-UVIGO resultou gañador, na categoría de ‘Aplicacións de Computación Intensiva’, do ‘ITANIUM INNOVATION AWARDS 09’ que concede a Itanium® Solutions Alliance como recoñecemento polo uso extraordinario de supercomputadores equipados con procesadores Intel® Itanium. Os premios entregáronse nunha cerimonia celebrada no Museo de Arte Contemporáneo de San Francisco, California.
Estes premios recoñecen, en tres categorías diferentes a excelencia de traballos de supercomputación realizados en sistemas baseados en Itanium. Os criterios de selección dos traballos presentados dende 14 países e dos 5 continentes, baséanse fundamentalmente na dificultade do reto computacional presentado, os resultados producidos e a orixinalidade da proposta.
En concreto, a categoría na que o equipo CESGA-UNEX-UVIGO resultou gañador recoñece a organizacións que empregaron os seus sistemas baseados en Itanium para facer fronte a enormes e críticas cargas de computación que demandan un alto rendemento constante e recursos compartidos escalables.
O xurado composto por destacados membros da industria, considerou ao equipo do CESGA merecedor do premio polo uso feito do supercomputador Finis Terrae para analizar problemas de computación electromagnética masivos, o máis grande con máis de 500 millóns de incógnitas, con aplicacións de interese para a mellora do deseño industrial. O CESGA empregou os servidores HP Integrity, equipados con 1.024 procesadores Itanium en paralelo e 6 TB de memoria, para conseguir unha solución que é primeira na súa clase e que lle valeu este galardón, entre outros.
O equipo está composto polos investigadores Fernando Obelleiro e José Luis Rodríguez da Universidade de Vigo e por Luis Landesa e José Manuel Taboada da Universidad de Extremadura. Traballan de forma coordinada dende hai anos para, entre outros, a Armada e a empresa Navantia desenvolvendo sistemas que permiten abordar estudos de compatibilidade electromagnética, co obxectivo de detectar interferencias entre antenas, predicir niveis de radiación perigosa, estudar a súa superficie equivalente radar, etc.
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), dependente da Consellería de Economía e Industria, é o centro de cálculo, comunicacións de altas prestacións e servizos avanzados da Comunidade Científica Galega, sistema académico universitario e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). A súa misión é promover a investigación de alta calidade en Ciencia Computacional, en estreita colaboración coa comunidade de investigación de Galicia, así como doutras rexións ou países de todo o mundo, contribuíndo así ao avance da ciencia, a transferencia de tecnoloxía á industria e as administracións, e como consecuencia, para o benestar da sociedade no seu conxunto.
A Itanium® Solutions Alliance é unha comunidade global de vendedores de hardware, sistemas operativos e aplicacións, dedicada a promover a adopción e o desenvolvemento constante de solucións baseadas nos procesadores Itanium.