Galicia

Os Servizos Sociais de Chapela comezan a atender a usuarios no multiúsos Piñeiral do Crego

A Concellería de Servizos Sociais habilitou espazos e entrada independente para garantir a privacidade

Os Servizos Sociais de Chapela comezan a atender a usuarios no multiúsos Piñeiral do Crego

Tal e como estaba previsto, no día de esta semana comezaron as obras de ‘Acondicionamento, adaptación e mellora enerxética’ das dependencias de Servizos Sociais de Chapela, traballos que contan cun investimento de 175.329€ con cargo aos fondos EDUSI Redondela 2020.

Mentres duren as obras, as persoas usuarias dos servizos sociais de Chapela poden dirixirse ás oficinas provisionais que a Concellería de Servizos Sociais vén de habilitar no multiúsos Piñeiral do Crego. “Trátase dun servizo esencial para a veciñanza e que, como tal, non pode deixar de atender ás persoas usuarias”, subliña a concelleira Iria Vilaboa.

Garantir a privacidade

Tanto a concelleira como a alcaldesa, Digna Rivas, subliñan que, dadas as especiais condicións de privacidade que a prestación dos servizos sociais require, as dependencias provisionais serán independentes do resto de servizos do multiúsos contando cunha entrada aparte do resto da instalación”.

O servizo, para maior efectividade e evitar esperas, seguirá funcionando baixo o sistema de cita previa que se pode solicitar no teléfono 986 45 89 93.

A alcaldesa agradeceu o traballo realizado pola Concellería de Servizos Sociais e as súas traballadoras “á hora de habilitar unhas dependencias que, aínda que provisionais, son funcionais e cumpren á perfección os requisitos esixible para a prestación do servizo”.

Novas instalacións máis “modernas, cómodas e funcionais”

Ao mesmo tempo, Rivas fixo fincapé na importancia das obras que se están a realizar nas dependencias dos Servizos Sociais de Chapela que, apuntou, “permitirán que tanto persoas usuarias como persoal municipal, poidan contar con instalacións modernas, cómodas e funcionais”.

Como todas as obras que se realizan por parte do Goberno local, as novas oficinas serán totalmente accesibles e contarán con elementos que garantan a súa eficiencia enerxética.

También te puede interesar