Comarcas

O Rosal continúa dando pasos na xestión de augas residuais na zona de costa

A alcaldesa aposta por sistemas de depuración sostibles para os barrios de San Xián e Portecelo

O Rosal continúa dando pasos na xestión de augas residuais na zona de costa

O Concello do Rosal continúa a dar pasos no futuro da xestión de augas residuais na zona costeira. Ao abeiro do estudo para buscar solucións de saneamento nos barrios de San Xián e Portecelo, a alcaldesa, Ánxela Fernández, e o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, visitaron acompañados dun equipo técnico especializado, os novos sistemas deseñados para pequenos núcleos de poboación que se están a empregar ou a implementar noutros municipios galegos. Así, coñeceron o sistema xa en funcionamento da localidade lucense de Sober e a nova instalación que se está a poñer en marcha en Mondariz

Novos sistemas de depuración

Trátanse de sistemas de depuración non só máis integrados na contorna, senón tamén cun menor impacto medioambiental, cun mantemento moito máis sostible e cos que xa se están obtendo bos resultados de saneamento”, explicou a rexedora.

As visitas forman parte do estudo que está a realizar o Concello para ter unha visión clara da situación da xestión das augas residuais nos barrios da zona costeira, con arredor de 200 habitantes.

O proxecto arrancou con traballo de campo para conseguir cuantificar a cantidade de augas residuais que xera de forma individual cada vivenda e “determinar as necesidades conxuntas e as posibles solucións a medio prazo aos problemas de tratamento de augas residuais nestas zonas”.

“Os veciños e veciñas destes barrios levan moitos anos padecendo esta situación, por iso dende o Concello decidimos tomar partido e colaborar en todo momento co órgano competente, Augas de Galicia, para buscar solucións”, salientou Ánxela Fernández.

También te puede interesar