Cultura Vigo al minuto

Este sábado, podes ver as curtas premiadas en Cans nun ‘autocine’

No aparcamento do Velódromo do Porriño dende as 23:00h.

Este sábado, podes ver as curtas premiadas en Cans nun 'autocine'

As curtametraxes premiadas polo xurado e polo público na XVIII edición do Festival de Cans exhibiranse este sábado nun autocine. Por segundo ano consecutivo, repítese este orixinal formato ante a gran expectación que suscitou en 2020. O Festival tenta así, ademais, suplir as restriccións de aforo nos jalpóns de Cans debidas á normativa Covid vixente.

Esta actividade terá lugar no aparcamento do Velódromo Municipal do Porriño, na estrada Atios-Pontellas, este sábado, día 18, a partir das 23,00 horas.

A entrada é de balde…pero hai que inscribirse

A entrada é de balde, pero o acceso do número de vehículos é limitado. Todas as persoas que desexen acudir terán que inscribirse previamente no mail [email protected], deixando o seu nome e apelidos, número de teléfono e matrícula e modelo do vehículo co que asistirán.

Estas son as curtas en proxección

O público poderá ver como introdución a proxeción do documental “Cans 2020”, no que a realizadora Isaura Docampo recolleu as dificultades para levar adiante a primeira edición que se realizou baixo os efectos da pandemia Covid. Na parte central da sesión proxectaranse catro curtas premiadas.  “Monte Bravo”, de Noelia Muíño, que levou na última edición do festival o Premio do Xurado e o Premio á Mellor Dirección, unha emotiva historia arredor dos lubishomes e da tradición oral, que homenaxea ó seu irmán con síndrome Down, e que supuxo o retorno a Cans de Noelia Muiño, logo de ser a gran trunfadora en 2019 coa curta “The Widow”.

A seguinte das curtas será “Homeless Home”Premio do Xurado a Mellor Curta de animación e Mellor Banda Sonora para Víctor García, e que mesmo foi finalista dos últimos Premios Goya na categoría de mellor curta de animación. O seu director, o coruñes Alberto Vázquez, gañara xa noutras dúas ocasións o Festival de Cans. Tamén se poderá ver no autocine “Deux options” (Dúas opcións), unha interesante reflexión sobre o racismo, a inmigración e a crise dos refuxiados, rodada en Francia polo director de O Rosal Gon Caride, que levou os premios de Mellor Guión para este autor,  e Mellor Interpretación Masculina ex-aequo para os actores Jan Soja e Noël Faure.

Por último, o público tamén poderá desfrutar do Premio do Público en Cans, a obra “O son da balea”, que tivo a súa estrea absoluta durante o Festival. É obra dodebutante Daniel Súarez-Rubini. A curta é unha fermosa fábula, interpretada por Isabel Naveira e Denis Gómez – Premio ao Mellor Actor o pasado ano en Cans- rodada nas incribles paisaxes da Illa de Ons.

As curtas `on line´, só ata a medianoite deste domingo

Debido ás restriccións de aforo que supuxo a aplicación da normativa Covid, o Festival de Cans volverá ofrecer a oportunidade de poder visionar na web do festival www.festivaldecans.gal  todas as curtametraxes a competición na categoría de ficción e animación. O prazo para visualizar as curtas rematará na medianoite deste domingo 19 de setembro.

Son un total de 15 curtametraxes, 11 de ficción e 4 de animación, que se poden visualizar divididas en catro bloques a un prezo de 2 euros cada bloque. O Festival ofrece tamén un bono aforro para poder acceder ás curtametraxes a un prezo reducido de 5 euros. Todo o recadado irá a parar integramente a repartir entre todas as directoras e directores con obras en competición, reforzando o compromiso do Festival de Cans coas novas e novos creadores.

También te puede interesar