A Xunta propuxo hoxe un novo convenio do ‘Plan de transporte metropolitano de Vigo’ que, lembrou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, “desde a súa posta en marcha no ano 2015, permitiu que 94.000 veciños aforrasen case 9 millóns de euros nos seus desprazamentos“.
Semana Europea da Mobilidade
Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, presidiu hoxe a xuntanza da Comisión de seguimento da Área de Transporte Metropolitano de Vigo, coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade, que versa sobre a mobilidade sostible, saudable e segura.
A conselleira indicou que o obxectivo é poder asinar o novo convenio entre a Xunta e os 12 concellos, con condicións similares ao actualmente vixente, cara a mediados de decembro.
Na reunión da comisión de seguimento desta mañá avaliouse o funcionamento deste plan social activo desde abril de 2015, que aposta
polo transporte público colectivo, en liña coas directrices de crecemento verde da Unión Europea.
17 millóns de viaxes bonificadas
Ethel Vázquez salientou que desde abril de 2015 realizáronse ao abeiro deste plan social preto de 17 millóns de viaxes bonificadas.
Detallou que ata a chegada da pandemia, que supuxo restricións de mobilidade, o uso do transporte público rexistrou un incremento de máis do 21%, asociado á posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano de Vigo.
Concretou que no ano 2016 se realizaron case 2,7 millóns de viaxes bonificadas dentro do Plan e no 2019 se acadou a cifra de 3,2 millóns.
Trasporte de ría ao Morrazo
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que esta área conta cunha singularidade, que é o transporte de ría entre Vigo e as vilas de Cangas e de Moaña, que representa o 40% do total de viaxes bonificadas.
Tamén se referiu ás preto de 74.000 persoas da área de Vigo que empregan a tarxeta TMG, de transporte metropolitano, para realizar os seus desprazamentos cotiáns, con aforros que roldan os 600€ ao ano.
Finalmente, lembrou que 20.200 mozos de menos de 21 anos da área que xa viaxan de balde en autobús ou en barco coa tarxeta Xente Nova.