A presidenta da Deputación mantivo un almorzo con medios e xornalistas vigueses para resumir a actuación do organismo provincial durante os últimos 6 anos en Vigo e os seus plans de futuro para a cidade.
Carmela Silva reivindicou a “presenza histórica” da Deputación en Vigo, sen parangón “dende 1812, cando se constituiron as deputacións en España”. Nesta mesma liña, a presidenta certificou a morte do “illamento e a confrontación” entre a primeira cidade de Galicia e o ente provincial.
Actuacións en todos os eidos
Humanización e mellora de estradas,; un gran carril-bici entre Teis e o centro urbán; novas infraestruturas deportivas; a reforma de Balaídos; actuacións en centros educativos; dotacións culturais,; apoio a grandes eventos; subvencións a entidades sociais para celebrar ata 560 actividades; unha forte aposta pola cultura e a igualdade, e máis dun cento de actos na sede da rúa Eduardo Chao.
Vigo, na lugar que lle corresponde “por dereito”
Este á o resumo que fixo Silva do resultado en Vigo dos seis anos do seu goberno na Deputación de Pontevedra, un período que, salientou, “situou á cidade no lugar que por dereito lle correspondía”,
O organismo provincial, asegurou, “ten unha presenza e un investimento como nunca antes“. Carmela Silva insistiu en que aposta por Vigo, “cun modelo claro, con criterios obxectivos e da man do Concello“.
A presidenta salientou que a sede, inaugurada en xaneiro de 2020, “é xa unha das grandes referencias da actividade na cidade, e reactivou ademais todo o entorno no que se sitúa”. De aquí a xaneiro están confirmadas 20 accións máis do ámbito da cultura, a igualdade, a cohesión social e o emprendemento e ademais, segundo adiantou Carmela Silva, inaugurarase a sala Maruja Mallo, un novo espazo expositivo no edificio. “Esta sede está chea de vida e é un espazo tamén para os colectivos da cidade, que piden salas e celebran aquí reunións e actos“, manifestou.
Presenza en todas as parroquias
Silva resaltou a actividade que a Deputación acometeu, xunto ao Concello, no centro e en todas as parroquias con “obras, proxectos e accións moi potentes” nestes seis anos.
En materia de viais lembrou que realizáronse as humanizacións de Ronda de Don Bosco, a Estrada Provincial (Rúa Emilia Pardo Bazán), a estrada Calvario – A Garrida; as reformas de Hispanidade, Taboada Leal e Serafín Avendaño, ademais de mellorar un amplísimo número de viais no rural. “Actuamos en todas as parroquias cun modelo de cidade amable”, expuxo.
Deporte
No que respecta as infraestruturas deportivas a Deputación costea a metade da remodelación de Balaídos, ademais de ter reformado as pistas de atletismo; construír os pavillóns de Quirós e Romil ou mellorar e modernizar dez campos de fútbol. “Participamos activamente en todas as infraestruturas para o deporte que se puxeron en marcha na cidade“.
Educación e Cultura
Na área de educación habilitáronse as aulas da UNED e os vestiarios do pavillón do IES de Beade, e estase a executar a cubrición dos patios dos CEIP Pintor Laxeiro e Balaídos.
En canto ás dotacións culturais a Deputación rehabilitou Villa Solita, en Alcabre, “un espazo marabilloso que dinamizou toda a zona”, destacou a presidenta.
A institución apoia asemade “todos os grandes eventos que se celebran en Vigo”, engadiu, para remarcar a colaboración con O Marisquiño, a feira Mindtech, a promoción do balonmán, os World Paddle Tour 2019 e 2021, o Vigo Sea Fest, o Simposio Nacional de Iluminación que acollerá esta semana a cidade e ata 11 grandes acontecementos máis.
Acción en todos os ámbitos
A presidenta detallou a acción de todos os servizos da Deputación en Vigo. En materia de igualdade creouse a Cátedra Feminismos 4.0., unha iniciativa pioneira en España, “convertida en referente internacional e posta en marcha en colaboración coa Universidade, coa que temos unha extraordinaria relación”, precisou. Tamén púxose en marcha o proxecto Inspira Steam para fomentar a vocación científico-tecnolóxica entre as rapazas.
“A igualdade é unha prioridade absoluta para a Deputación”, subliñou Carmela Silva, que lembrou o lanzamento en Vigo da plataforma Descúbreas, un “potentísimo proxecto de visibilización das mulleres artistas para que as mozas poidan construír unha carreira musical”.
A Escola de Igualdade María Vinyals, tamén pioneira en Galicia, tivo presenza na sede coa celebración de tres xornadas, á que se sumará antes de que remate o ano unha cuarta, segundo avanzou a presidenta. “Colaboramos con máis de 250 actividades na cidade e concedemos preto de 300 subvencións na área de igualdade”, engadiu.
No eido cultural nestes seis anos colaborouse con entidades para celebrar 560 accións. Tamén se referiu á Escola de Letras en colaboración coa Editorial Galaxia, que celebra os seus obradoiros en Vigo na sede da Rúa Chao; ao programa musical Pontegal; a celebración de roteiros culturais ou á financiación de programación con mulleres artistas no MARCO, ademais de subliñar o apoio aos festivais escénicos e audiovisuais e ás Escolas de Música.
Nos programas da Deputación en materia social como En Ruta coa Depo, Depotermal, Depo en Marcha, DepoAventura ou DepoRuarte participaron máis de 25.200 persoas en Vigo, e a Deputación concedeu case 400 axudas a entidades sociais da cidade.
Neste apartado Silva salientou os Cursos de Español para Inmigrantes que acolle a sede, “que axudan a xente que sufriu moito a obter a nacionalidade española”.
En emprego “puxéronse espazos a disposición da cidadanía e déronse oportunidades para as persoas desempregadas a través dos distintos programas”, indicou Silva, que no apartado de turismo salientou a “gran promoción da cidade”, e en deportes sinalou que se concederon 1.530 axudas a clubes.
SmartPeme: apoio ás pemes e o emprendemento
A presidenta destacou a labor do servizo SmartPeme, que da apoio ao emprendemento a través das TIC, e explicou que “ningunha outra administración ten unha rede destas características”.
Carmela Silva explicou que a oficina da sede de Vigo acolleu “máis de 300 obradoiros formativos desde 2016 nos que participaron 3.500 persoas, e realizáronse 2.300 asesoramentos a 1.300 empresas”.
No 2020 a carteira empresarial creceu de 298 a 406 e a pandemia transformou o modelo ao pasar a atención a ser eminentemente on line. “Durante a pandemia mantívose o servizo en liña, algo que ninguén fixo”, explicou. A sede acolleu dous showrooms con empresas das aceleradoras de comercio e o turismo, a segunda xornada TurisTIC, e o peche do hackaton social para o terceiro sector.
No ámbito administrativo a sede da Deputación en Vigo rexistra unha alta actividade con máis de 3.000 persoas atendidas para trámites do ORAL e 3.500 rexistros de entrada.
Os próximos investimentos
O investimento da Deputación manterá o seu ritmo na cidade co acordo xa alcanzado co Concello para realizar obras ata 2023. A colaboración inclúe o inicio da recuperación do dunar de Samil, ademais de accións do programa Vigo Vertical en Aragón e Juan Ramón Jiménez, novas humanizacións en Castelao, San Roque e Martínez Garrido, a mellora de firmes en viais e a cubrición do patio do colexio Javier Sensat. O investimento total é de 16 millóns, dos que a Deputación aporta 11.
A nova programación da sede
A sede seguirá a ser punto de encontro da cidade nos vindeiros meses. Ata xaneiro hai confirmados xa 20 actos.
A presidenta destacou que o edificio acollerá tres exposicións: “Lebres coma gacelas”, que homenaxea a Xela Arias e recolle poemas de creadoras en diálogo con artistas visuais; unha mostra do artista cangués Raúl Velloso, e outra da creadora e crítica cultural Rosario Sarmiento. “Con esta última inauguraremos a sala Maruja Mallo, un novo espazo na sede para a exhibición artística que acollerá mostras de artes plásticas e queremos convertela tamén en sala importante de exposicións fotográficas”, detallou.
Tamén terán lugar novas sesións da Escola de Letras con Anna Figueiredo, un DemoDay da aceleradora de comercio de SmartPeme, e no ámbito da igualdade o cuarto acto da Escola María Vinyals e unha acción polo 25N. “Ademais presentaremos a nova campaña do xoguete non sexista, que será totalmente diferente, e en xaneiro faremos de novo a entrega dos Premios Sofía Novoa aquí”, adiantou a mandataria provincial.
O lanzamento de novidades editoriais continuará co acto de presentación de O cemiterio de barcos, de Francisco Castro, o 8 de outubro, e a selección de escritos Polos vieiros do fabulador: Cunqueiro e Pontevedra, o día 19 do mesmo mes.