Destacados Vigo al minuto

A Xunta inviste 1,85 millóns na mellora da estrada PO-330 en Valadares e Pereiró

As obras estarán rematadas ao longo de 2022

A Xunta inviste 1,85 millóns na mellora da estrada PO-330 en Valadares e Pereiró

A Xunta investirá preto de 1,85 millóns de euros na mellora da seguridade viaria e da accesibilidade na estrada autonómica PO-330 en Valadares e Pereiró.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar as actuacións proxectadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ao longo de case 7 quilómetros da vía autonómica para a eliminación dun treito de concentración de accidentes. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://bit.ly/3m1Q35c.

10 meses de obras

O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé a convocatoria do levantamento das actas previas no cuarto trimestre do ano, coa previsión de licitar e executar as obras no ano 2022. Os traballos contan cun prazo de execución de 10 meses.

O proxecto, deseñado polo departamento que dirixe Ethel Vázquez, mellorará a seguridade viaria e a accesibilidade reordenando interseccións como a que dá acceso ao colexio Andersen, na cal se definirá un novo carril central de espera, ademais de reforzar a sinalización dos pasos de peóns.

Dous novas rotondas en Valadares

Habilitaranse dúas novas rotondas en Valadares. A primeira delas, de 28 metros de diámetro, servirá para mellorar o acceso ao pavillón e á piscina municipal, habilitando desde a rotonda unha nova vía de acceso rodado á escola infantil Monte do Alba, unha actuación que atende a solicitude dos veciños.

A segunda rotonda, do mesmo diámetro, localizarase no Alto da Garrida, para mellorar a seguridade nun cruzamento de elevado tráfico de vehículos pesados, ao dar servizo aos dous polígonos industriais de Valadares e da Pasaxe, ademais dunha canteira e ao miradoiro do Monte de Alba. Trátase dunha intersección próxima á autoestrada autonómica AG-57.

Contorna de Pereiró

Xunto con isto, urbanizaranse tamén os primeiros 450 metros da estrada, na contorna de Pereiró, entre a rotonda que está fronte ao cemiterio e que serve de enlace coa vía da Universidade.

Coidarase especialmente a disposición de prazas de aparcadoiro nesa zona, habilitando 36 prazas, 10 máis das actuais. Aí reordenarase tamén a intersección coa rúa Canteiros, mediante illotes físicos e sinalización horizontal; e nos accesos aos garaxes disporase firme de lastros.

O proxecto da Xunta inclúe a mellora doutras interseccións nas Carneiras, Carregal e O Portal, ben con sinalización horizontal ben con novos elementos físicos coma illotes.

Contorna Colexio Barreiro

Na contorna do Colexio Barreiro reforzarase a seguridade achegando o paso de peóns á entrada do centro e adoptando as medidas necesarias para calmar o tráfico.

Ademais, mellorarase o acceso ao CEIP Igrexa Valadares, acondicionando o camiño natural, actuando sobre os raios de xiro de entrada e saída que empregan os autobuses escolares para incorporarse á estrada PO-330, o que tamén dá resposta a unha demanda dos veciños.

Finalmente, repararanse as beirarrúas nos treitos en que sexa preciso e acometeranse melloras de sinalización e iluminación nos pasos de peóns.

Humanizacións de Castrelos e Florida

Esta actuación dá continuidade ao traballo que está a realizar a Consellería de Infraestruturas en Vigo, con obras como a humanización das avenidas de Castrelos e da Florida; a construción de sendas; ou a mellora da seguridade viaria na estrada vella de Baiona, a PO-552.

Esta actuación terá, ademais, continuidade en Teis, coa mellora da Avenida de Galicia.

También te puede interesar