A Deputación de Pontevedra abre hoxe luns, 11 de outubro, o prazo de inscrición para a terceira das rutas ornitolóxicas programadas dentro da cuarta edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife.
Coñecer a nosa riqueza ornitolóxica
O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Esta
nova ruta desenvolverase o 24 de outubro, permitirá coñecer o Complexo Intermareal Umia- O Grove, nos concellos de Cambados, O Grove, Meaño e Sanxenxo.
Ofértanse 20 prazas para esta camiñada guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse na páxina web da Deputación (https://www.depo.gal/voando-nas-rias-baixas).
Complexo Intermareal Umia-O Grove
O Complexo Intermareal Umia-O Grove trátase dun espazo protexido pola Rede Natura 2000 como Zona Húmida de Importancia Internacional e como Zona de Especial Interese Comunitario pola importancia da súa biodiversidade.
No ano 2014 unha parte deste espazo foi declarado reserva ornitolóxica de SEO/BirdLife, sendo a máis grande de España, a única de Galicia e a única que conta con medio mariño.
Trátase dunha das mellores zonas de España para a observación de aves acuáticas invernantes, tanto pola diversidade coma pola cantidade, pois máis de 18.000 exemplares pasan os meses fríos nesta reserva. Entre as numerosas especies que se concentran no Complexo Intermareal Umia-O Grove destacan cullereiros, gabitas, virapedras, pilros, mazaricos, píllaras, biluricos, parrulos, garzas, gaivotas, carráns e corvos mariños.
Guías ornitolóxicas
A andaina estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra.
Como recomendacións para as/os participantes, aconséllase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo campo, así como protector solar. Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas.
Tamén recibirán como material didáctico unha Guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.
Seguirá en novembro
Despois desta terceira ruta, o resto continuará a partir do mes de novembro, coa camiñada pola Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa) o día 14, coas inscricións abertas desde o día 2 de novembro.
“Voando nas Rías Baixas” concluirá o 19 de decembro coa ruta polo Estuario do Río Miño (A Guarda) e pola Foz da Ramallosa (Nigrán). Neste caso, as persoas interesadas poderán anotarse desde o 7 de decembro.