A ponte do 12 de outubro foi todo un “éxito” para o sector turístico da provincia de Pontevedra. Así o constatou o observatorio de Turismo Rías Baixas que vén de confirmar unha ocupación hoteleira media superior ao 75% que confirma a tendencia rexistrada durante o verán que consolida á provincia como líder en Galicia e “destino top de España”.
Área de Vigo
A área de Vigo acadou a maior porcentaxe, cun 82% de ocupación media nos establecementos hoteleiros, seguida do Salnés e O Morrazo, cun 75%. A
comarca do Baixo Miño superou o 72%, a de Pontevedra o 71,5%, as comarcas de Deza e Terra de Montes o 68%, a de Caldas o 58,5% e as do Condado e da Paradanta o 47%.
Por concellos, Baiona superou o 82%, Vigo o 81%, Sanxenxo e Pontevedra o 78% e O Grove o 69,5%.
Turismo rural
No que respecta aos establecementos de turismo rural, a ocupación media na provincia durante a ponte foi do 65%. Por comarcas a do Morrazo foi a que acadou a maior porcentaxe, cun 79% de ocupación en casas rurais, seguida do Condado e A Paradanta, cun 78%. A comarca de Pontevedra chegou ao 77%, a do Baixo Miño ao 72%, a do Salnés ao 67%, as comarcas do Deza e Terra de Montes ao 54%, a de Vigo ao 52,5% e a comarca de Caldas ao 50%.
Mención aparte merece a ocupación media das vivendas turísticas que acadaron un 87% durante a ponte, cunha forte presenza do turismo nacional do sur de España e da Comunidade Valenciana. Puntos concretos como Vigo, Sanxenxo, O Grove, Pontevedra, Cambados, Nigrán e Baiona chegaron ao 100% de ocupación.
Castelo de Soutomaior
Tamén foi significativa a asistencia de persoas ao Castelo de Soutomaior que, pese a estar pechado o luns 11 de outubro, chegou a recibir a 790 persoas.
No que respecta ao perfil das persoas turistas que se achegan ás oficinas da Rede Info Rías Baixas tratáronse de visitantes maioritariamente españoles/as (93%) procedentes de Madrid, Barcelona, Vizcaya e Valladolid. No caso das persoas estranxeiras (7%) proviñan de Portugal, Alemaña, Estados Unidos, Suecia, Francia e Reino Unido.
A porcentaxe maioritaria tiña entre 35 e 60 anos, aloxáronse en hoteis cunha estancia media de entre 4 e 6 días e visitáronos pola oferta cultural e de ocio.
Novo premio internacional para ‘Sigue o teu Instinto‘
A provincia volve a estar de parabéns tras coñecerse que o audiovisual “Sigue o teu instinto”, co que a Deputación promocionou o turismo no 2020, ven de acadar o seu sétimo galardón ao alzarse co terceiro premio na categoría de produto turístico no Festival de Turismo de Riga (Letonia).