Cultura

Denuncian que a Delegación do Goberno multa un cidadán por reclamar atención en galego

Ademáis a Policía Local instouno a “empregar o castelán”

A Mesa pola Normalización denuncia que a Delegación do Goberno español en Galicia propón sancionar un cidadán cunha multa de 600 euros por reclamar que o atendesen en galego nun cribado da Covid19.

Os feitos sucederon o pasado 17 de abril de 2021, en Rianxo, cando o cidadán “non só recibiu unha negativa rotunda a atendelo na nosa lingua senón que mesmo se lle chegou a negar a realización do cribado.

Perante a súa indignación, interveu a Policía Local que non só non lle recoñeceu o seu lexítimo dereito a ser atendido en galego, senón que -segundo consta no mesmo informe policial- o instou a mudar de lingua e empregar o castelán, “tentando explicar a esta persoa que ambas linguas son cooficiais na Comunidade Autónoma”.

As forzas de seguridade “vulneran” o dereito a empregar o galego

A Mesa salienta a importancia duns feitos que en palabras do seu presidente, Marcos Maceira, “demostran que ante unha vulneración dos dereitos lingüísticos que afecta tamén ao dereito á saúde e á dignidade dun cidadán, as forzas de seguridade vulneran toda a lexislación que ampara o lexítimo dereito da cidadanía galega a empregar a nosa lingua, tentando coaccionar a un cidadán para que renuncie a facelo”.

“Non satisfeitos con mentir e desinformar sobre os dereitos lingüísticos”, explica Maceira,os policías denunciaron a vítima por suposta alteración da seguridade e a Delegación do Goberno afonda na indefensión dos nosos dereitos lingüísticos, propondo unha sanción cualificada como grave cunha multa de 600€”.

Non se tiveron en conta as declaracións das testemuñas

En efecto, sinalan dende A Mesa, a Delegación do Goberno avalou o informe emitido polos axentes, deslexitimando as declaracións de testemuñas presentes no lugar por seren veciñas da vítima (como todas as citadas para o cribado)”.

Neste sentido, a Mesa destaca “a falta de neutralidade e de imparcialidade por parte da instrutora do procedemento, nomeada pola Delegación do Goberno español”, que chega a cuestionar a comprensíbel indignación dun cidadán “solo por decirle que el personal médico no tenía la obligación de hablarle en gallego”.

A Mesa advirte que con esa afirmación a Delegación do Goberno nega validez a un dereito recollido nos artigos 74.s) da Lei 2/2015 do emprego público de Galiza; ao art. 51 que define os requisitos lingüísticos do funcionariado, que debe coñecer a lingua; e ao artigo 54.11 do Real Decreto Lexislativo 5/2015 de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público. Tampouco contempla a posibilidade de que en virtude do art. 185.1.b) da mesma Lei 2/2015 estamos perante un caso de discriminación por motivo de lingua, o que é unha falta moi grave e pode levar consigo a inhabilitación para a función pública.

Por último, A Mesa pola Normalización Lingüística, a través da Liña do Galego, xa se dirixiu á Delegación do Goberno, instándoa a suspender o procedemento contra o cidadán e a abrir dilixencias contra os policías.

Ademaís, solicita tamén que se forme os membros das forzas de seguranza nos dereitos lingüísticos da cidadanía para evitar que se repitan feitos como este.

También te puede interesar