Marea de Vigo considera que o alcalde debería estar usando as súas comparecencias en dar resposta a cuestións como en que se van a empregar os fondos europeos ou como se van reforzar os servizos sociais, e non inaugurando cada día unha decoración do Nadal.
“Dende logo se nestes tres últimos meses do ano en lugar de obter respostas sobre as medidas que necesita a veciñanza e a cidade trala crise da COVID19 imos a asistir a que cada día o alcalde inaugure un elemento decorativo do Nadal vigués, non é un alcalde que estea á altura da realidade da cidade”, sinala o voceiro municipal de Marea.
“A semana pasada asistíamos ao esperpento do alcalde inaugurando a caixa de regalo de Gran Vía, un dos ornamentos que haberá na cidade neste Nadal. Onte asistimos á inauguración dunha das bólas que se van colocar na vía pública” sinala Rubén Pérez.
Perda de capacidade económica da industria ou peche do comercio
Para Pérez “hai moitos retos por diante que deben ser resoltos nos vindeiros anos ante a importante perda da capacidade económica en sectores relevantes desta cidade coma o sector da industria ou os servizos, así como ante o peche sistemático no comercio xa non só no centro da cidade senón tamén na periferia” cuestións que “debe resolver un alcalde”.
Entre elas, subliña o voceiro de Marea de Vigo, “non está o inaugurar cada día un trozo deste Nadal delirante no que se converteu esta cidade e que xa non só sucede no mes de decembro xa que cada ano se vai adiantando cada vez máis” matiza.
Rubén Pérez incide en que “seguirá solicitando que se lle dea resposta as preguntas que son verdadeiramente importantes, como son se Vigo vai subir aos 100 euros de gasto social por habitante?, se imos resolver un PXOM realmente democrático e con garantías de que as alegacións que presente a veciñanza van ter un percorrido normativo, se imos facer unha cidade integradora onde o transporte estea garantido, ou se imos facer unha cidade que non viva colapsos pola inauguración dun centro comercial, por exemplo” conclúe.