A Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, vén de publicar o contrato para as “obras de construción dun módulo cuberto de atletismo no pavillón número 5 do Instituto Ferial de Vigo (IFEVI)”.
A actuación terá un orzamento base de licitación de 329.002,65€ e o prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o vindeiro 25 de novembro.
Presentado a principios deste ano
Como xa indicou o presidente do Goberno galego, a principios de ano na presentación da obra, a segunda gran ampliación do IFEVI “conta cun revulsivo deportivo e expositivo, xa que as novas instalacións deportivas teñen como obxectivo incrementar a potencialidade dos atletas de Vigo e de toda a área metropolitana”.
O módulo de atletismo no IFEVI vén a paliar a situación de “parálise que vive o atletismo vigués” e que suporá unha unha solución para que os atletas vigueses poidan adestrar todos os dias do ano nunha pista cuberta, sen límite de capacidade, con independencia da situación meteorolóxica.
Para 1.000 atletas e 15 clubs
As novas infraestruturas deportivas, das que se verán beneficiados preto de 1.000 atletas repartidos entre os 15 clubs da área metropolitana de Vigo, contarán cunha recta de atletismo de 60 metros de lonxitude e seis rúas, ademais de catro zonas diferenciadas para a práctica do salto de lonxitude e triplo salto, lanzamento de peso, salto con pértega e salto de altura.