Deportes

O Concello equipa o pavillón do Rosal cunha nova grada supletoria

Para animar ao Acanor e o Novás Valinox

Novas gradas do pavillón do Rosal

O pavillón do Rosal conta cunha nova grada supletoria que, situada nun dos fondos, aumenta o aforo do edificio municipal. O Concello adquiriuna a través do Plan Concellos 2020 e axudará a encher aínda máis un pavillón que cada fin de semana ten moita afluencia. A alcaldesa, Ánxela Fernández, explica que “a grada era unha necesidade despois do éxito da campaña da socios do Novás”, xa contan con máis de 600 integrantes.

A alcaldesa explica que xunto ao Acanor, Novás Valinox converterán a nova adquisición nunha “grada de animaciónpensada especialmente para a canteira do club. “Así poderán vivir xuntos os partidos da División de Honra Prata de balonmán e identificarse aínda máis co club”, explican dende o Novás.

A canteira porá nome á nova grada

Para dar un pulo á imaxe e a creación desta grada de animación puxeron en marcha un concurso para dar nome ao espazo entre os integrantes das categorías inferiores. Os rapaces e rapazas que participen deben facer unha proposta de nome ata o día 5 de novembro e o día 12, a través dunha votación nas redes sociais, coñecerase o gañador, que será premiado cun vale de 50 euros para gastar en Hummel.

“Con esta iniciativa queremos facer que a mocidade do Rosal poida desfrutar ao máximo do Novás e do noso balonmán a pé de campo”, destaca a alcaldesa. No club súmanse a mensaxe da rexedora e animan as familias a vestir aos seus fillos e fillas con roupa do equipo para tinguir o Pavillón Municipal de vermello. 

También te puede interesar