O Bloque Nacionalista Galego anunciou este luns a súa oposición á decisión do Goberno municipal de “amortizar 39 postos de traballo do Concello” para o próximo ano, concentrados nomeadamente en diferentes categorías de oficios. O concelleiro do Bloque, Xabier P. Igrexas, adiantou que van presentar emendas aos orzamentos de 2022 para demandar que se rectifique esta destrución de emprego público.
“Nefasta” política de persoal
O portavoz municipal do BNG cualificou como “nefasta” a política persoal do goberno de Abel Caballero, que ten sen adxudicar por “deslexio e desidia” preto de 200 prazas públicas. Igrexas explicou que están “sen executar case na súa totalidade, agás algunhas poucas prazas de bombeiros, as Ofertas de Emprego Público (OEP) desde o ano 2017. E nesta altura de 2021 aínda está pendente a aprobación da OEP para este exercicio”.
“Privatización” de servizos
Para este “novo intento de destrución de postos de traballo” responde a unha aposta do Goberno municipal pola privatización e externalización de servizos, como vén de suceder coa xestión das instalacións deportivas do Concello. “Cremos que é o momento de apostar decididamente por reforzar con máis persoal público o en lugar de aplicar a receitas do PP como está a facer de maneira reiterada o goberno de Caballero”, afirmou Igrexas.
O BNG de Vigo presentará emendas ás contas de 2022 para reverter esta decisión e urxir un cambio na política laboral do Goberno municipal, na liña do demandado polo propio comité de persoal do Concello. O portavoz municipal del Bloque recordou que estes postos de traballo son necesarios para un mellor funcionamento dos servizos públicos e a atención á veciñanza.