Galicia

Menús de Nadal nos colexios elaborados con 600 quilos de produtos galegos de calidade

348 kg de patacas, 81 kg de fabas, 85 kg de carne de tenreira, 1.210 iogures, 52 queixos ou unha decena de quilos de mel

Menús de Nadal nos colexios elaborados con 600 quilos de produtos galegos de calidade

A Xunta está a repartir entre preto dunha decena de centros escolares galegos máis de 600 quilos de produtos
agroalimentarios
da nosa comunidade para que poidan confeccionar menús de Nadal a preto de 1.650 rapaces.

A iniciativa enmárcase na rede Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización habilitada polo Goberno galego ao inicio da emerxencia sanitaria para garantir que as producións do noso sector primario atopaban saída nas
principais cadeas de distribución.

Produtos da máxima calidade

En total, a Xunta repartirá 348 kg de patacas, 81 kg de fabas, 85 kg de carne de tenreira, 600 hamburguesas e 93 quilos de carne de porco celta e 40 kg de carne de cordeiro. Tamén 1.210 iogures, 52 queixos e unha decena de quilos de mel.

Todos os produtos destacan pola súa calidade, ao acollerse a indicativos como as indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega, Mel de Galicia e Faba de Lourenzá ou a denominación de orixe protexida Queixo Tetilla.

En concreto, serán oito centros escolares galegos os que recibirán estas producións por parte da Xunta para elaborar os seus menús de Nadal entre este, luns 13 de decembro, e o vindeiro martes 21, tendo lugar a meirande parte dos xantares ao longo desta vindeira semana.

Así, na provincia da Coruña, beneficiaranse o colexio Os Muíños de Muxía e o Vicente Otero Valcárcel de Carral, mentres en Pontevedra contarán con produto o Domingo Fontán de Portas e o centro Antonio Blanco Rodríguez de Covelo. Na provincia de Lugo, poderán elaborar menús de Nadal con producións galegas de calidade os colexios plurilingües do Páramo e Riotorto, mentres na provincia de Ourense serán o centro Antonio Faílde de Coles e o Carlos Casares de Xinzo da Limia.

Mercaproximidade

Os xantares de Nadal nos colexios ao abeiro de Mercaproximidade terán lugar unha vez clausurada a II edición da campaña “Come local”, que promoveu -tamén no marco desta rede- o consumo de menús especiais elaborados con producións acollidas a indicacións xeográficas e denominacións de orixe protexidas nunha vintena de comedores escolares da nosa comunidade.

Cabe lembrar que dende o comezo da emerxencia sanitaria pola covid-19, a Xunta tamén doou produtos como patacas, queixos, mel, carne de tenreira, de porco celta ou de cordeiro a bancos de alimentos ou cociñas económicas, para atender os colectivos máis desfavorecidos. Así mesmo, cedéronse alimentos aos hospitais galegos, para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada.

No marco da canle Mercaproximidade, que tiña como principal obxectivo dar saída aos produtos agroalimentarios galegos nos establecementos das principais cadeas de distribución que operan en Galicia, tamén se desenvolveron campañas nas redes sociais baixo os cancelos #EuVoudeSuperfeirón e #FeirónNaCasa, para impulsar a compra de
produtos locais de calidade, así como o seu emprego para a elaboración de receitas gastronómicas.

También te puede interesar