Un total de doce postos participarán, entre os días 17 e 19 de decembro, na Feira de Artesanía de Nadal de Redondela que quedará instalada na rúa Ribeira, na contorna da Alameda Castelao. A iniciativa, tal e como sinalou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, busca “potenciar o traballo das nosas e os nosos artesáns, ofrecer alternativas para os agasallos de Nadal”.
Artesanía de Galicia
A Feira estará aberta de 10:30 h a 13:30 horas e de 16:30 h a 20 horas e, amais dos postos de todo tipo de artesanía, contará cun posto da Asociación Lenda de Redondela que atente ás familias e persoas con enfermidades mentais e que porá á venda distintos artigos realizados polas persoas usuarias do servizo “poñendo en valor o seu traballo e reforzando a labor que asociación vén realizando a prol da súa integración”.
A realización da Feira, subliña a alcaldesa de Redondela, “pon un punto máis de atracción as nosas rúas e contribúe a dinamización do comercio local e da hostalaría que foron sectores que sufriron, en primeira persoa, a crise derivada da pandemia da Covid-19″.
Cada son máis as persoas que optan por agasallar artesanía e, dende esa perspectiva, a Feira de Redondela “permite que artesás e artesáns poidan dispoñer dun escaparate no que amosar o seu traballo e demostrar porqué a marca Artesanía de Galicia é unha garantía de calidade e ten cada día máis aceptación”, conclúe Digna Rivas.