Ecoloxistas en Acción ven de presentar esta semana alegacións contra a autorización de vertidos que a Xunta pretende outorgar á mina de San Finx, en Lousame. Tanto a organización ecoloxista como varias das confrarías de pescadores e concellos da ría de Muros-Noia coincidiron na apreciación de que a tramitación da autorización de vertidos, iniciada en 2016, é totalmente ilegal, evidenciando a “corrupción sistémica por volta dos proxectos mineiros”.
Augas de Galicia “aforroulle á empresa máis de 30 millóns de euros”
A pesar de que a Xunta tiña constancia dos vertidos da mina desde fai anos, sinalan os ecoloxistas, “Augas de Galicia escudouse na existencia do procedemento de autorización de vertidos para non aplicar as correspondentes sancións nin o canon de control de vertidos, aforrándolle á empresa máis de 30 millóns de euros nos 5 últimos anos”. Para Ecoloxistas en Acción, “esta práctica resulta iniciaría de presuntos delitos de malversación, prevaricación e encubrimento, que irá denunciar de contado”.
Contaminación de metais pesados
A mina de San Finx ven provocando contaminación continua por metais pesados no curso fluvial contiguo e na ría de Muros e Noia, que non só forma parte da Rede Natura 2000 (LIC Esteiro do Tambre), máis que é unha das máis importantes zonas de marisqueo de toda a costa galega.
Frente os impactos demostrados, o proxecto agora sometido a información pública, pretende non tratar as augas procedentes da escombreira e tampouco presenta ningunha medida para despois do peche da mina. O propio proxecto de tratamento é totalmente irrealista conforme un informe presentado polas Cofrarías de Noia e Portosín e máis o Concello de Muros.
Sen procedemento de avaliación ambiental
As alegacións lembran que “en 2009 se retomou a explotación mineira mediante un proxecto de explotación e un plan de restauración aprobados nese mesmo ano sen sometérense ao procedemento de avaliación de impacto ambiental, sen realizar calquera consulta ao órgano ambiental ou restantes órganos sectoriais (incluíndo o huidráulico) e sen sometérense a información pública”.
Esta ausencia de avaliación de impacto ambiental e o absoluto desleixo por parte das Administracións son as responsábeis de que se permitise a contaminación continuada por metais pesados durante a última década, subliñan os ecoloxistas.