Novo capítulo de precariedade na atención sanitaria do Rosal. Este martes o centro de saúde quedou sen ningún médico para consulta nin para urxencias deixando aos máis de 6.000 habitantes do Rosal sen o servizo mínimo recollido por lei. A alcaldesa, Ánxela Fernández, denuncia que “os veciños e veciñas do Rosal xa estamos fartos de por en risco a nosa saúde pola constante precarización da Xunta“, e “esiximos unha solución o antes posible”.
O Rosal sen médicos para consulta
A rexedora tamén denuncia que o abandono xa vén de lonxe. Dende o mes pasado o centro de saúde está sen médicos para consulta, despois de dúas baixas, unha de longa duración, ás que a Xunta non substitúe e un posto que aínda non se cubriu con ningún profesional. Todo isto provoca que a veciñanza teña as axendas pechadas e non exista un seguimento dos pacientes “cos riscos que implica”.
E sen pediatra
O Concello e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal levan tempo denunciando a precariedade do sistema sanitario no municipio. Os problemas que existían antes da pandemia acentuáronse coa eliminación do servizo de pediatría, pechando a consulta de San Miguel. Ademáis, priman as consultas telefónicas sobre as presenciais e hai restricións de acceso ao Centro de Saúde.