Redondela e Chapela celebrarán, o día 5 de xaneiro do 2022 a chegada dos Reis Magos. Seguindo as directrices marcadas pola Xunta, as cabalgatas serán estáticas, o mesmo que en Vigo.
En Redondela, os Magos de Oriente estarán no Campo da Feira mentres que en Chapela compartirán un tempo cos cativos na Alameda Rosalía de Castro. En ámbolos dous casos o horario será de 11 h a 14:30 horas e de 16 h a 20:30 horas.
Protocolo de seguridade
Para garantir a seguridade sanitaria dos e das máis pequenas, o Concello vén de establecer un estrito protocolo de seguridade. Así haberá sinalización das rutas de entrada e saída, vixilancia da distancia de seguridade e recordatorio da obrigatoriedade de levar a máscara de protección.
O Concello apela á responsabilidade de nais e pais
A alcaldesa Digna Rivas lembrou a necesidade de “reinventarse” para que as e os máis pequenos “non se miraran privados dunha actividade, das que máis ilusión espertan entre a cativada”. A rexedora local chamou á “responsabilidade individual” de nais e pais á hora de respectar unhas normas “absolutamente necesarias para evitar a propagación dunha pandemia que está novamente en expansión”.