O BNG vén de rexistrar unha moción solicitando do pleno da corporación municipal un acordo para a compra por parte do Concello do Porriño do conxunto arquitectónico “Villa Florida”, na rúa Manuel Rodríguez. A moción presentada polo Bloque contempla que a edificación teña un uso cultural e que os xardíns se abran á veciñanza do Porriño.
Finais do século XIX e principios do XX
“Villa Florida” é un fermoso conxunto residencial de arquitectura ecléctica de influencia francesa. Construído entre finais do século XIX e comezos do XX polo matrimonio formado por Manuel Rodríguez e Angelina Bonín, é un dos exemplos máis relevantes no país da denominada arquitectura de promoción indiana.
Pertence na actualidade aos descendentes de Don Francisco Arias e Dona Matilde Antonia Avendaño, familia que cunha gran sensibilidade conservou durante décadas o conxunto arquitectónico sen alteración, facendo posíbel que chegara até nós mantendo o seu aspecto orixinal. Nos últimos días fíxose público o interese da familia por vender a propiedade.
No centro do Porriño
“A súa localización estratéxica entre dúas zonas históricas e de esparexemento como son o entorno da Casa do Concello e o barrio de San Benito, xunto coa proximidade dos seus xardíns á entrada do Paseo do Louro, pódena converter nun espazo importante para a vida cultural e social do Porriño”, afirmou o portavoz municipal do Bloque, Pedro Pereira. A edificación está catalogada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.
O BNG defende que o Concello do Porriño invista recursos en conservar o seu patrimonio arquitectónico e natural, polo que insta ao goberno local a negociar canto antes a compra desta emblemática edificación.