A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño comeza esta semana unha rolda de concentracións para denunciar o deterioro que está a sufrir a Atención Primaria nos centros de saúde da comarca.
Os mesmos, padecían unha importante carencia de persoal sanitario que case limitaba a atención ás urxencias, relegando as consultas ordinarias, con esperas moi prolongadas. Esta situación viuse agravada aínda máis tras a decisión do Sergas de, “en lugar de poñer solucións, decretar que só se atendan consultas urxentes e relacionadas coa COVID-19 nas instalacións da Guarda, O Rosal e Tomiño durante estes días”.
Catro concentracións conxuntas
Ante esta realidade, as alcaldesas e alcaldes da Mancomunidade convocan para os meses de xaneiro e febreiro catro concentracións conxuntas. Nas mesmas queren “denunciar a situación de precariedade e o continuo desmantelamento da sanidade pública nos nosos municipios e trasladar ao Sergas e á Xunta a necesidade de adoptar medidas de forma urxente. A resposta non é restrinxir servizos, senón buscar solucións a curto e medio prazo”.
A primeira o mércores, día 12 de xaneiro
Por este motivo, convídase á toda a veciñanza e ás plataformas en defensa da sanidade pública a participar nestas catro concentracións, que arrancarán o vindeiro mércores 12 de xaneiro ás 19.00 horas na Praza do Calvario do Rosal.
A seguinte cita será o 26 de xaneiro en Tomiño (ás 19.00 h na Praza do Seixo); o 9 de febreiro en Tui (ás 19.00 horas na Praza da Inmaculada) e o 23 de febreiro na Guarda (ás 19 h na Praza Avelino Vicente).
Con estas concentracións búscase poñer de relevo “unha situación transversal que afecta a toda a veciñanza e que compromete e pon en risco a nosa saúde actual e futura”.
Diminución da atención presencial
A Mancomunidade reclama dende hai tempo unha mellora da atención sanitaria que poña fin á degradación progresiva dos centros de saúde. Os mesmos, advirten, carecen de medios persoais e contan cunhas instalacións deficientes e en progresivo deterioro.
Esta precariedade que se viu acentuada coa chegada da pandemia, cunha diminución da atención presencial e medidas tomadas por Sanidade que atentan contra a calidade do servizo. As rexedoras e rexedores da Mancomunidade dan o seu apoio aos profesionais da saúde e continuarán loitando para garantir que estes poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas.