Galicia

A Deputación fai posible que Mos reforme a biblioteca e os xulgados da Porteliña

Levará o nome da poetisa María Magdalena Domínguez

A Deputación fai posible que Mos reforme a biblioteca e os xulgados da Porteliña

A nova biblioteca de Mos, que levará o nome da poetisa María Magdalena Domínguez, únese aos equipamentos e dotacións financiadas pola Deputación de Pontevedra neste onde os investimentos provinciais nos últimos 6 anos superaron os 9 millóns de euros.

Biblioteca

“Hoxe é un gran día para Mos, un día moi importante porque podemos poñer en marcha un soño”. Así se manifestou a alcaldesa Nidia Arévalo no Pazo Provincial da Deputación, no acto de sinatura coa presidenta Carmela Silva do convenio que suporá a reforma integral do edificio da biblioteca municipal e os xulgados na Porteliña, ao abeiro do Plan Provincial ReacPon.

Máis de 481.000 euros

A actuación, que converterá ao inmoble nun edificio eficiente dotado de enerxías alternativas,suporá un orzamento de case medio millón de euros, (481.375,53€), dos que a Deputación aporta o 75%, 361.031,65 euros, e o Concello 120.343,88.

Carmela Silva considerou unha satisfacción contribuír dende a Deputación a este proxecto e sinalou que coñeceu pola prensa que a Xunta de Galicia vai achegar outros 200.000 euros para este proxecto da biblioteca e os xulgados e, nesa liña, animou a tódolos concellos que teñen acadado as subvencións do ReacPon a presentar tamén os seus proxectos á administración autonómica.

Nidia Arévalo

Pola súa banda, Nidia Arévalo, explicou que Mos tiña o proxecto “algo traballado”, que o acelerou cando a Deputación puxo en marcha o Plan o pasado verán e que “suporá a transformación extraordinaria dun espazo que estaba obsoleto”.

A alcaldesa avanzou que espera “que despois do verán poidamos ter unha apertura de portas dun edificio que será moderno, agradable e do que sentiremos moito orgullo”. Arévalo puxo en valor o traballo da arquitecta, Fani Grandal e agradeceu tamén á Deputación o Plan Concellos bianual 2022-23, “que nos permitirá seguir cambiando Mos”.

También te puede interesar