Comarcas Vigo al minuto

A Deputación retoma ‘En Ruta coa Depo’ ofertando 20.000 prazas

Ofértanse 20.000 prazas para desfrutar dun día de convivencia, ocio e tempo
libre

A Deputación retoma 'En Ruta coa Depo' ofertando 20.000 prazas

Tras dous anos de parón pola COVID volve ‘En Ruta coa Depo’. Como anunciou este luns a presidenta da Deputación, o organismo provincial investirá nesta quinta edición 432.600€.

20.000 prazas este 2022

Carmela Silva lembrou que nos catro anos que se realizou sumou unha participación de case 80.000 persoas. Este ano ofértanse 20.000 prazas dirixidas a asociacións e entidades que desexen desfrutar dun día de convivencia, ocio e tempo libre escollendo entre 32 lugares emblemáticos da provincia.

Envellecemento activo

“Queremos –asegurou Silva- dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, poñer en valor os recursos máis importantes da provincia, para que a cidadanía os coñeza, pero tamén apoiar á hostalería“.

Este programa, engadiu a presidenta, é un apoio moi serio a este sector que tanto sufriu as consecuencias da pandemia, para que en tempos de menor número de visitantes teñan un instrumento para manterse abertos”.

32 rutas

As 32 rutas do programa inclúen o acompañamento dunha persoa guía de turismo, xantar e transporte, están divididas en itinerarios temáticos, culturais, marítimos, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais.

34,86€ por praza

O custe de cada unha é de 34,86 € por praza que será cofinanciado pola Deputación de maneira que cada participante achegará a cantidade de 13,5 €. Haberá tamén 400 prazas totalmente gratuítas, tal e como informou a presidenta, para persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social xa que “queremos que todo o mundo poida participar”.

Solicitude

As asociacións interesadas poderán solicitar, trala publicación das bases de “En Ruta coa Depo”, tres alternativas das 32 propostas que contempla o programa por orde de interese, sinalando mes e día da semana preferidas.

Te podría interesar