O Concello de Nigrán deu luz verde á licencia para a construción dun Burger King na parcela da gasoliñeira de Porto do Molle. A cadea americana abrirá durante este ano este establecemento de 422 metros cadrados con zona de restauración e tamén de recollida de menús, prevendo xerar 20 novos postos de traballo.
Tamén McDonald’s
“A este xigante da comida rápida se sumará enfrente a finais de ano o seu gran competidor, McDonald´s, que se situará a escasos metros como parte importante do futuro parque empresarial Nasas“, informan dende o Concello.
“5 millóns de persoas” ao ano
“Estas licenzas levan aparellado xerar traballo, emprego e riqueza para o municipio; Porto do Molle é o gran activo de Nigrán e o será aínda máis en poucos meses, cando a apertura de Nasas e este Burger King impliquen a afluencia de 5 millóns de persoas só no seu primeiro ano“, sinala o alcalde.
Máis de 3.000 traballadores
Juan González apunta que actualmente “traballan 3.000 persoas nas máis de 160 empresas punteiras aquí instaladas”. Precisamente, engade, “unha delas, Bodega MC, con sede en Porto do Molle desde 2020, será a encargada de deseñar e facer realidade o Burger King, tal e como habitualmente fai con esta cadea ou tamén con Bimba y Lola, Mango e NH Hoteles”.
Visitantes de toda Galicia e do norte de Portugal
“Esta boa nova do Burger King e a apertura de Nasas supoñen un revulsivo inmenso e unha oportunidade única para a comarca, e por iso iniciaremos desde o Concello un plan de formación específico para a nosa veciñanza para que poida vir traballar aquí”, sinala o alcalde en referencia á xeración de emprego e á atracción de visitantes a toda a comarca.
“Virá xente de toda Galicia e do norte de Portugal a Nigrán e iso indubidablemente conlevará beneficios para todos”, conclúe.