O pleno da corporación local do Porriño aprobou onte, cos votos a favor do Goberno Local e EU SON, e a abstención do resto dos grupos, a maior aportación municipal da súa historia para a contratación de persoal.
43 persoas desempregadas
En total, o custe do programa laboral deseñado polo executivo para a contratación de 43 persoas desempregadas ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos roza o medio millón de euros: 450.489 euros, dos cales 226.489 corresponden á solicitude aprobada pola Deputación. Os 224.061 euros restantes corren a cargo do Concello, que aprobou de maneira inicial a modificación orzamentaria precisa para dispoñer dese crédito.
Estes traballadores e traballadoras integraranse nos diferentes servizos e departamentos municipais
• Obras: dous oficiais de primeira carpinteiro, un oficial de primeira soldador, tres oficiais de primeira albaneis, sete peóns de obra pública, dous oficiais de primeira electricista, un oficial de primeira fontaneiro e un oficial de primeira tractorista/conductor de grúa.
• Parques e Xardíns: doce peóns forestais.
• Unidade Asistencial a Drogodependentes: un auxiliar de enfermería.
• Servizos Sociais: un auxiliar administrativo.
• Cultura: dous auxiliares administrativos.
• Turismo: un titulado na diplomatura ou grao de Turismo.
• Novas Tecnoloxías: un técnico en informática.
• Emprego e formación: dous orientadores laborais.
• Deportes, Mercados e Cultura: seis conserxes.