“O vandalismo do que foi obxecto o parque infantil de Chapela va máis aló dunha simple gamberrada e é un ataque ao patrimonio de toda a veciñanza”, asegurou Digna Rivas ao ser informada dos danos que sufriu a antedita área infantil e que afectaron á case que todos os aparellos desta instalación.
Os responsables “case identificados”
A alcaldesa de Redondela asegurou que “accións como estas non poden quedar impunes” e adiantou que a Policía Local desenvolve investigacións para dar co autor ou autores dos feitos “aos que ten case que identificados”.
“Os espazos públicos son un patrimonio de toda a cidadanía que, cos seus impostos, posibilita que o Concello dote aos núcleos urbanos e ás parroquias destes lugares de esparexemento para os seus fillos e fillas”, di a rexedora redondelá quen engade que “romper, pintar ou ocasionar danos nestes espazos supón, por tanto, un ataque directo contra o peto da cidadanía que este Goberno non vai consentir”. O Goberno local aposta pola renovación e mantemento dos parques infantís “como zonas seguras para os xogos e desfrute dos e das máis cativas.
Colaboración cidadá
O Concello considera “imprescindible” a colaboración cidadá para “poñer en coñecemento do Concello ou da Policía Local este tipo de actuacións a fin de que os seus autores teñan que render contas polas súas accións”.
Considera a alcaldesa Digna Rivas que as áreas infantís “van máis aló de ser un simple lugar de esparexemento, xa que ademais propicia que as nenas e os nenos poidan interrelacionarse a través do xogo e desenvolver as súas habilidades sociais”.