43 traballadores e traballadoras incorporáronse este mércores ao cadro de persoal do Concello do Porriño, onde desenvolverán as súas funcións a xornada completa durante seis meses.
A primeira hora da mañá, o alcalde, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros Rosario Costas, Ramón Porto e Jose Carlos González, déronlle a benvida ao Concello na súa primeira xornada laboral.
Servizos que non se cumprían de maneira axeitada
“Agardo que estes meses de traballo sexan enriquecedores para todos vós, que vos sirvan para gañar experiencia, mellorar o voso perfil profesional e abrirvos novas oportunidades“, apuntou o alcalde.
Lorenzo recordou que estas contratacións non só permiten incorporar ao mundo laboral a estas persoas que se atopaban en búsqueda activa de emprego, senón tamén prestar en condicións servizos que non se estaban a prestar de maneira axeitada nos últimos anos e impulsar novas iniciativas. “Co voso traballo contribuiredes a poñer en marcha de novo O Porriño”, concluíu o rexedor.
224.000€ de fondos propios do Concello
Para facer posible este reforzo de persoal o Concello fixo a maior aportación de fondos da súa historia, reafirmando o seu compromiso coa xeración de emprego. A contratación destas 43 persoas supuxo unha inversión total de 450.489 euros, dos que o Concello aportou 224.061 euros e os 226.428 euros restantes proceden da liña 3 do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra.
De carpinteiros a peóns forestais, pasando por un auxiliar de enfermería
Os traballadores/as prestarán servizo nos diferentes departamentos municipais. No de Obras incorpóranse dous carpinteiros, un soldador, tres albaneis, un fontaneiro e un tractorista/condutor de grúa. No departamento de Parques e Xardíns traballarán doce peóns forestais, na área de Servizos Sociais un auxiliar administrativo, na Unidade Asistencial a Drogodependentes un auxiliar de enfermería e no de Cultura dous auxiliares administrativos.
Un técnico exercerá no departamento de Turismo e outro o fará no de Novas Tecnoloxías. Tamén se incorporan hoxe seis conserxes nas áreas de Deportes, Mercados, Persoal e Cultura e dous orientadores laborais que traballarán en Porremprego.