Abel Caballero afirmou este luns que está “en contacto” co Ministerio de Ciencia para transmitirlle á súa titular a “reclamación” da cidade no tocante á descentralización do Instituto Español de Oceanografía (IEO), que pasa porque Vigo “xogue o papel que lle corresponde no conxunto das investigacións do ámbito pesqueiro e mariño de todo o mundo”.
Culpa á Xunta
O alcalde denunciou que, ante o Ministerio, “correspondíalle á Xunta facer as xestións en defensa de Galicia e non as fixo”, así que “as asumo eu”, para “poñer en valor a importancia de Vigo”.
“Seguirei defendendo Vigo contra calquera institución e organismo”
“Xa estou en contacto co Ministerio e exactamente igual que defendín esta cidade diante doutras institucións, agora defendereina diante do Goberno de España, con todas as súas consecuencias”, advertiu Caballero na rolda de prensa de hoxe.
“E vou seguir defendendo Vigo contra calquera institución e calquera organismo que non recoñeza os dereitos, a calidade e a importancia desta cidade, neste caso, o Instituto Oceanográfico de Vigo”.
“Abel Caballero non moveu un dedo”
As declaracións do alcalde tiveron resposta inmediata por parte da delegada da Xunta en Vigo que, en relación coa negativa do Goberno central de fixar en Vigo a sede del Instituto Español de Oceanografía, asegurou que Abel Caballero “non moveu nunca un dedo” para defender as opcións viguesas do IEO.
Marta Fernández-Tapias pregúntase “onde estivo o alcalde de Vigo nos tempos difíciles polos que pasou nos últimos anos o IEO? porque o problema non ven de agora”, insistiu.
Nesta mesma liña aclarou que o Goberno de Galicia non tiña capacidade para solicitar nada porque a decisión de descentralizar o Instituto Español de Oceanografía é exclusivamente do Estado e, ademáis, non houbo un proceso seletivo como no que Galicia puidese participar.
“Alucinacións do alcalde”
“As alucinacións do alcalde non teñen límite”, subliñou a delegada, que engadiu que “o desvarío deste luns, primeiro da semana, pero seguro que non o último, ten coma obxectivo a sede do Instituto Español de Oceanografía que o Gobierno central négalle a Vigo”.
“Alcalde, céntrese un pouco”
“Caballero culpa de novo, vaia sorpresa, á Xunta de que Vigo se quedase sen a sede do Oceanográfico”, apunta Fernández-Tapias. “Pero alcalde, por favor, xa sei que é moito pedir, pero céntrese un pouco e menos fantasmadas. Vostede non moveu un dedo, e non o fará, neste tema, como ocurriu coa Alta Tensión, a AP-9, o AVE, a Saída Sur, a VG-20, a A-55… a lista é inacabable”.