Galicia Vigo al minuto

‘Dereito a Morrer Dignamente’ denuncia que a Xunta entorpece a petición da eutanasia

Seguindo as instrucións de “sectores integristas e reaccionarios”

'Dereito a Morrer Dignamente' denuncia que a Xunta entorpece a petición da eutanasia

A Asociación Dereito a Morrer Dignamente (DMD Galicia) vén de denunciar que a Xunta, a través da Consellería de Sanidade, está a entorpecer o dereito á petición da eutanasia.

DMD Galicia  reclamou, reiteradamante, á Xunta que dispuxese os medios necesarios para facer efectivo o dereito á prestación sanitaria de morte asistida medicamente, que os galegos podemos pedir dende xuño de 2021, logo de que se aprobase a Lei Orgánica de regulación da Eutanasia (LORE) en matrzo do ano pasado.

Retrasos

Dereito a Morrer Dignamente denuncia o retraso na creación da Comisión de Garantía e Avaliación; a carencia de iniciativas da Consellería de Sanidade para a formación de profesionais e administradores sanitarios sobre o contido da Lei; os procedementos a aplicar para facela efectiva; a ausencia de actuacións de sensibilización e información á sociedade sobre o novo dereito e o Testamento Vital; mesmo o impreso que no SERGAS se ofrecía ás persoas para rexistrar o seu Testamento Vital (por ocultar o dereito a anticipar a solicitude de eutanasia se a persoa chegase a atoparse nun dos  tipos previstos na Lei).

En datas recentes, despois de denuncias públicas e iniciativas parlamentarias, coñeceuse que a Consellería de Sanidade viña de modificar o impreso para o rexistro do Testamento Vital.

Entorpecemento intencionado

No documento actualmente vixente, xa modificado despois da denuncia de DMD Galicia, suprimíronse as referencias ás normas legais que sustentan o Testamento Vital, e introduciuse a posibilidade de elección de eutanasia.

Sen embargo, no mesmo dase a entender que a morte asistida medicamente podería proporcionarse á persoa contra a súa vontade se esta non deixara dito explicitamente que non quere a eutanasia.

A lei é moi clara

A Lei é absolutamente clara ao respecto (Capítulo II, arts. 4 e 5): as persoas só poderán acceder á eutanasia previa solicitude realizada en plenas condicións de capacidade; dispoñendo da información necesaria, e sen coacción algunha. Esa solicitude poderá facerse anticipadamente mediante a súa constancia expresa no Testamento Vital.

Rexistrar a solicitude de eutanasia no Testamento Vital

DMD Galicia recomenda que se rexistre a solicitude de eutanasia no Testamento Vital por quen non querendo continuar a súa vida nas condicións de enfermidade ou estado crónico e incurable causante de sufrimento intolerable, tal como prevé a Lei para acceder á morte asistida medicamente, poida perder de forma irreversible a súa capacidade legal para adoptar esta decisión como consecuencia de enfermidade ou accidente.

A Xunta pretende conculcar o dereito á eutanasia

“Non ten ningún sentido aparente, induce á confusión e mobiliza o temor á morte por acción médica, propoñerlle ás persoas que fagan constar explicitamente no documento de rexistro do Testamento Vital que non queren a prestación de eutanasia ou que non se pronuncian ao respecto, tal como se contén no documento reformado pola Consellería”, sinalan dende DMD Galicia.

Acción impulsada por “sectores integristas e reaccionarios”

Para a Asociación Dereito a Morrer Dignamente, esta “é unha acción que xa foi impulsada, hai agora un ano, polos sectores máis integristas e reaccionarios daqueles que que se opoñen á regulación da eutanasia, coa finalidade de crear confusión e provocar o medo, en particular entre as persoas maiores”.

A Consellería de Sanidade fai “oposición activa” á eutanasia

Desde hai anos denuncian que no Rexistro de Instrucións Previas da Consellería  de Sanidade -espazo administrativo onde se rexistran os testamentos vitais)- faise oposición activa ao dereito das persoas a exercer libremente a súa vontade en relación aos tratamentos médicos.

También te puede interesar