Deportes Vigo al minuto

Os tres concellos do Val Miñor retoman o 17 de maio a ‘Festa da Bicicleta’ conxunta

Esta 32 edición recupera o formato habitual pre-pandemia

Os tres concellos do Val Miñor retoman o 17 de maio a 'Festa da Bicicleta' conxunta

Os tres concellos do Val Miñor volverán a pedalear xuntos este 17 de maio para festexar a tradicional ‘Festa da Bicicleta’ que sempre reúne a centos de persoas.

Así, esta 32 edición recuperará o formato habitual pre-pandemia tras dous anos sen poder celebrarse conxuntamente. Nesta ocasión a marcha finalizará en Panxón ao corresponderlle a quenda da organización a Nigrán, quen contará con ‘Discamino’ como entidade invitada para abrir a súa marcha coas bicicletas adaptadas do consistorio.

O obxectivo, un ano máis, é que sexa unha xornada festiva en toda a comarca para vivir con familia e amizades ao tempo que se promove o deporte e a socialización como hábitos saudables.

Inscricións

As inscricións e entrega de dorsais realizaranse nos respectivos puntos de saída de cada municipio con 40 minutos de antelación co único requirimento de ser maior de 7 anos, contar con bicicleta propia e levar casco.

Así, en Nigrán partirán ás 10:00 horas desde o Pavillón; en Gondomar ás 10:45 horas na Praza Paradela e, en Baiona, tamén ás 10:45 horas desde a entrada do Parador. Todos os participantes disporán de seguro de accidentes e responsabilidade civil.

Marcha conxunta

A marcha de Nigrán acudirá a ‘recoller’ á de Gondomar percorrendo a estrada da costa (PO-325) para despois coincidir na rotonda da Ramallosa ca de Baiona e, desde alí, pedalear as tres xuntas tamén pola costa cara ao Pavillón de Panxón, onde rematará con sorteo de agasallos e avituallamento.

Cada concello achegará unha bicicleta e 20 cascos para sortear entre os seus respectivos participantes.

También te puede interesar