Chegou a primeira medalla galega no Mundial Universitario de Vigo e a pesar da medalla, no ambiente non había unha sensación de absoluta alegría, xa que o ouro parecía estar ao alcance de Fani Hernández. Pero non puido ser e a coruñesa acadou o terceiro posto e sumou unha medalla máis ao seu palmarés. Ademais, a medalla de Fani foi a única do equipo español, que no día de hoxe non tivo precisamente sorte. Mañá chegará a quenda para o resto dos galegos.
O público das Travesas esperaba con emoción o combate de Fani Hernández contra a coreana Young Sun Yun, como paso previo a esa final soñada por Fani e o taekwondo galego. Pero dende o principio, a coreana demostrou que non o ía poñer doado. Só no primeiro asalto, a coruñesa controlou o combate (2-1), aínda que nos últimos segundos desa rolda, Yun sorprendeu a Fani cunha patada á cabeza (tres puntos) e se puxo por diante (2-4). Pero no tempo de descanso, Fani conxurouse co seu adestrador Jesús Benito e saíu lanzada a remontar, quizais demasiado, xa que deixou espazos que o seu rival foi aproveitando con relativa facilidade. Neste segundo “round”, Yun enlazou un golpe á cabeza e varias patadas consecutivas coa defensa de Fani baixa, pero a galega non se rendeu e seguiu buscando o seu rival e antes de finalizar os dous minutos do segundo asalto conectou un golpe á cabeza que deu esperanzas ao público Das travesas, que estaba envorcado con ela (6-9).
Non obstante, no reinicio do combate, as cousas fóronse complicando máis e máis: a coreana ía sumando puntito a puntito, mentres que a deportista da Federación Galega de Taekwondo non abandonou a loita, con máis corazón que cabeza, e ao final caeu derrotada a pesar das súas ganas (9-13).
Para chegar á semifinal, Fani antes tivo que superar á polaca Prusaczyk por 7-5, nun combate apretado, pero que controlou en todo momento, aínda que nos últimos segundo o adestrador da polaca pediu o video replay por un impacto da súa deportista, que finalmente non existiu.