O Hospital Álvaro Cunqueiro ven de realizar os primeiros implantes minimamente invasivos de protección nas arterias carótidas. É o primeiro hospital de Galicia e o segundo do Estado no emprego desta novidosa técnica, que se está a desenrolar nun estudo de envergadura mundial, so en centros seleccionados de alta capacitación.
Pacientes en bo estadao e nas súas casas
Os dous implantes realizados ata agora leváronse a cabo por un equipo multidisciplinar composto por especialistas en Cardioloxía, Cirurxía Vascular, Neuroloxía e Neuroradioloxía.
O procedemento foi un éxito e os pacientes están de alta e nas súas casas, desenvolvendo a súa vida habitual.
Reduce drásticamente o risco de accidente cerebrovascular
Segundo explica o investigador principal do estudo o cardiólogo intervencionista e Director da Unidade de Investigación Cardiovascular, doutor Victor Jiménez “trátase dunha futura opción terapéutica para protexer aos pacientes que xa sufriron un Ictus e prever así novos episodios cerebrovasculares; con este procedemento pódese diminuír ese risco de accidente cerebrovascular de xeito moi significativo, ata nun 90% de casos“.
A maioría dos ictus, a través das carótidas
A maioría dos Ictus ou accidentes cerebrovasculares prodúcense a través das arterias carótidas, que están emprazadas a cada lado do colo, e son os vasos sanguíneos que levan sangue ao cerebro e cara.
Ás veces, a través do fluxo sanguíneo se desprazan tamén coágulos de sangue que, de achegarse ao cerebro, poden causar obstrución e producir un accidente vascular.
Os pacientes susceptibles de implante de carótidas son seleccionados, cuns criterios moi concretos. Son pacientes con fibrilación auricular, que xa sufriron un accidente cerebrovascular e que presentan moi alto risco de que se lle repita, aínda que estean con tratamento médico, con anticoagulantes orais.
Tecnoloxía moi novidosa e revolucionaria
O dispositivo a implantar é similar a un molle en forma de espiral de nitinol. É unha tecnoloxía moi sofisticada, deseñada en Israel.
Na mesma, o especialista, dunha maneira minimamente invasiva, cunha picada no colo, introduce directamente o dispositivo nas carótidas a través dunha ecografía guiada. Non necesita anestesia ou sedación.
Unha vez achégase á carótida, a espiral se desprega ao redor da arteria para cubrila e protexela, actuando como un filtro que evita o desprazamento dos coágulos cara ao cerebro.
Capacidade técnica e potencial investigador dos especialistas vigueses
O Hospital Álvaro Cunqueiro foi elixido par iniciar este procedemento debido á capacidade técnica e ao potencial investigador dos seus especialistas.
“Estamos moi satisfeitos con este proxecto, xa que os resultados nestes dous primeiros pacientes son espectaculares, non presentaron ningún tipo de complicación, con molestias mínimas. Temos que incrementar a casuística e hai que seguir estudando, pero todo indica que estamos ante un procedemento revolucionario na abordaxe das patoloxías cerobravasculares e que diminuirá a morbimortalidade dos nosos pacientes”, asegura o doutor Jiménez.
Estudo Mundial
A Unidade de Investigación Cardiovascular, xunto co resto de servizos, está participando nun estudo internacional que ten por obxecto validar a seguridade e eficacia desta nova técnica, realizando un seguimento continuado dos pacientes durante un período de 2 anos.
Os profesionais realizarán outros 5 implantes máis, polo que aportarán 7 pacientes a esta investigación internacional.