O Bloque Nacionalista Galego esixe ao Goberno galego que poña en marcha de forma inmediata as gardas de 24 horas nos xulgados de Vigo.
“Continuos posados nas obras da Cidade da Xustiza”
A formación nacionalista urxe á delegada da Xunta na cidade, Marta Fernández-Tapias, a que reclame a implantación desta reivindicación histórica como prioridade en material xudicial, fronte aos “continuados posados fotográficos que vén realizando nas obras da Cidade da Xustiza“.
Pedido polos axentes e operadores xudiciais
“Non hai xa escusas para dilatar máis a posta en marcha desta medida xusta, necesaria e reivindicada de maneira unánime polos axentes e operadores xudiciais”, afirmou neste sentido o concelleiro do BNG en Vigo.
Xabier P. Igrexas apunta que a implantación desta histórica reivindicación só depende da Xunta após os reiterados acordos plenarios no Concello de Vigo, o aval do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) e do propio Ministerio de Xustiza.
En todo o Estado
Igrexas lembrou que todos os partidos xudiciais do Estado con oito ou máis xulgados aplican este sistema de gardas de 24 horas, coa excepción de Vigo e da Coruña.
Trátase dunha medida que “permitiría desconxestionar a situación, que raia no colapso” dos xulgados da cidade, con máis de 20 mil asuntos pendentes. “Facilitaría a presentación de demandas, que se atendan as medidas urxentes con maior axilidade e maiores garantías procesuais, así como un incremento substancial da celeridade na tramitación”, destacou.
Fernández-Tapias actúa como “unha especie de axente inmobiliario”
O concelleiro do BNG critica que este sistema de gardas de 24 horas non sexa unha prioridade para o Goberno galego, mentres a súa delegada en Vigo “presume” da nova Cidade da Xustiza, o único investimento realizado na maior urbe de Galiza.
“Pedímoslle a Fernández-Tapias que deixe de actuar como unha especie de axente inmobiliario, organizando visitas propagandísticas, e que urxa dunha vez os xulgados de 24 horas e todos os medios humanos e materiais para desbloquear a situación”, subliñou Igrexas.