A Xunta abre o luns, día 20, o prazo para inscribirse nas oposicións para 90 prazas de emprego público. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria para o corpo de Xestión A2 polo sistema de oposición libre e non o de concurso-oposición tal e como se viña empregando nos últimos procesos selectivos.
Aberto a todo o mundo
A estas oposicións poderá presentarse calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas convocatorias, e a súas posibilidades de lograr unha praza dependerán exclusivamente da preparación e do esforzo realizado polos aspirantes no proceso selectivo. Polo tanto, non haberá unha fase de concurso na que se valoren os méritos de experiencia profesional ou a formación.
Ofertas de Emprego dos anos 2020 e 2021
Estas prazas corresponden ás Ofertas de Emprego Público (OEP) dos anos 2020 e 2021 e forman parte das 720 prazas de emprego público que se cubrirán polo sistema de oposición libre anunciadas no mes de marzo.
Destas 720 un total de 333 xa foron convocadas o pasado mes de abril. As restantes, correspondentes aos subgrupos A1, C1 e C2 da administración xeral, convocaranse ao longo deste mes de xuño.
Estas convocatorias son adicionais ás dos procesos de estabilización de emprego que se desenvolven ao abeiro da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público que se publicaron a finais de maio.
20 días hábiles
O prazo de inscrición ábrese o luns, 20 de xuño e remata o vindeiro 18 de xullo, co que as persoas interesadas en participar nos procesos selectivos terán 20 días hábiles para facelo constar no modelo de solicitude electrónica que se facilita gratuitamente na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública (funcionpublica.xunta.gal), e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala.
O modelo de solicitude está dispoñible na ruta ‘Procesos selectivos’ – ‘Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos’- e os aspirantes deben dispoñer dun certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), DNI electrónico ou Chave 365.