As actividades inícianse este vindeiro 28 de xuño e alongaranse ata o 10 de setembro
Encher as rúas e prazas de Redondela. Ese é o abxectivo da Programación Cultural de Verán que comezará este 28 de xuño e durará ata o 10 de setembro.
41 eventos e actuacións
A alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de Cultura, Iria Vilaboa, presentaron este xoves un programa “tan extenso coma variado”, cun total de 41 eventos nos que se conxugarán artistas e grupos locais cos procedentes doutros puntos de Galicia.
O Día de Galicia, terá un marcado protagonismo dentro do programa de verán alongando a súa celebración, tal e como fixera xa o pasado ano, a dous días –24 e 25 de xullo– cun programa que se dará a coñecer polo miúdo a medida que se aproximen as datas pero que cotará coa participación de Susana Seivane e Xisco Feijóo.
MClan
Xa o día 27 de xullo, e patrocinado polo Xacobeo, Mclan ofrecerá un concerto en Redondela, cunha entrada de 8 euros, feito que criticou a alcaldesa, asegurando que noutros concellos, “maís próximos ao PP”, as actuacións son de balde.
Levar a cultura ás parroquias
A alcaldesa redondelá insistiu na importancia que ten “levar a cultura ás parroquias” e, nesa liña, o programa conta con concertos no Campo de San Pedro, Festival Folk Illa de San Simón, na praia de Cesantes e actividades a celebrar no torreiro de Reboreda, na finca do Carballo das Cen Pólas, na Miñoteira e en Cedeira.
Chapela, protagonista
Chapela terá un amplo programa de actividades: 10 en total e que se distribuirán entre a Alameda Rosalía Castro e o Paseo Marítimo.
Efémeras, Rondalla de Redondela, Susana Seivane ou a Orquestra Noite de Estrelas serán, entre outras, as actuacións que pasen por Chapela que, neste 2022 recupera o seu tradicional Berete Rock, que se celebrará o 6 de agosto organizado polo Concello e a Asociación Berete Rock.
Centro
Mentres, no centro, a veciñanza poderá gozar dos concertos de Miguel Costas –ex Siniestro Total– o 16 de xullo, o concerto de Xisco Feijóo o 25 de xullo e, o 5 e 6 de agosto, volve o Festival de Artistas de Rúa e o Entroido de Verán, na súa vixésimo terceira edición.
A preguntas dos xornalistas sobre este recuperado Entroido de Verán a alcaldesa subliñou “que se fará, máis adiante, unha presentación específica do evento” aínda que adiantou que xa hai dúas actuacións confirmadas “a de Heredeiros da Crus –que chega da man da Deputación de Pontevedra– e De Vacas, ámbalas dúas cun claro e marcado acento galego.
A presenza de De Vacas no programa deu pé á Digna Rivas a recalcar a presenza da muller nesta programación, e puxo como exemplo “a participación de De Vacas, Susana Seivane, Sheyla Patricia, Sofia Espiñeira e as Girl’s Gang.