O goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar dez novas achegas do Plan Concellos por valor de 2.127.125 euros. Con estes fondos Meaño, Campo Lameiro, Ponte Caldelas, O Porriño (para o que se deu luz verde a dúas subvencións), Salceda, Gondomar, Salvaterra de Miño, Tui e A Guarda realizarán obras de distinta índole.
Neste senso, a presidenta provincial, Carmela Silva, subliñou que “a gran maioría delas teñen que ver con melloras na pavimentación de viarios e importantes actuacións de saneamento nestes concellos”.
O Salnés
Deste xeito, á comarca do Salnés chegarán máis de 178.000 euros cos que Meaño mellorará o segundo tramo do viario municipal que une os lugares de A Pedreira e Picón, na parroquia de Xil, ampliando a plataforma existente e pavimentando completamente o camiño ata o entronque coa EP-9302.
Comarca de Pontevedra
Tamén foron aprobadas dúas achegas para a comarca de Pontevedra que supoñen preto de 645.000 euros para que Ponte Caldelas execute obras de mellora na pavimentación e sistema de drenaxe en 39 camiños interiores repartidos por todo o municipio, dende A Reigosa ata Laxoso.
Outros 123.515 euros chegarán a Campo Lameiro para a mellora dos camiños Caneda, Castriño, Chacente de Abaixo, Chacente de Arriba, Fajid, Gargallóns, Praderrei e Redonde, implantando cunetas de formigón para redirixir e controlar as auga de chuvia, xunto coa renovación do firme.
Comarca de Vigo
Tamén foron aprobadas achegas para a comarca de Vigo. Máis polo miúdo, para O Porriño concedéronse case 338.000 euros para a reforma da capa de rodadura en dúas estradas: en Centeáns-Corzón no tramo do Centro Cultural, na parroquia de Pontellas (136.430 euros), e no entorno rural de Cabadiña-Madorras-Louriña, que pertence ás parroquias de Mosende e Pontellas (101.340 euros).
E tamén se deu luz verde a 182.855 euros para que Gondomar leve a cabo a drenaxe e pavimentaicón de viarios na Fraga.
Condado Paradanta
Os recursos provinciais tamén chegarán á comarca do Condado e da Paradanta a través dunha achega para Salvaterra por valor de 168.580 euros para a mellora de accesos nas parroquias de Meder, Fiolledo, Leirado e Arantei mediante a pavimentación de oito camiños municipais nas mesmas.
Baixo Miño
Ademais, foron aprobadas achegas para a comarca do Baixo Miño: 306.480 euros para que Tui realice saneamento e pavimentación nos barrios de Sambade e A Cruz, na parroquia de Malvas, e outros 150.000 euros para que A Guarda acondicione os antigos patios do colexio Sinde e os dote das características precisas para o seu uso como espazo público.