Participarán no programa máis de 1.500 nenas e nenos
As 140 crianzas de entre 8 e 13 anos da primeira quenda de campamentos xa están a desfrutar do programa “Depo Aventura na Lanzada”, que este ano ten como temática “A Lanzada, un paseo pola Historia”, e que a Deputación recupera despois de dous anos de parón pola pandemia.
Múltiples actividades
Ao longo deste verán serán 1.540 os rapaces e rapazas da provincia que participarán nesta iniciativa que lles ofrece unha semana nunha contorna privilexiada con múltiples actividades culturais, de coñecemento e deportivas para desfrutar en convivencia.
Como subliñou hoxe a presidenta Carmela Silva, a Deputación ten levado a cabo neste ano unha renovación no recinto “ampliando as tendas e mellorando e modernizando as instalacións para que os nenos e nenas estean nas mellores condicións” e poidan gozar “desta amplísima oferta que amais do lecer e do deporte tamén pretende educar en valores”.
Mellora das instalacións
No eido da mellora das instalacións, Carmela Silva apuntou que se nos anos anteriores á pandemia, o número de crianzas por tenda era de cinco, agora será de tres, “para maior confort e tamén porque estamos aínda nunha situación complexa pola Covid, e temos que ser moi coidadosas e coidadosos”.
Amais dun maior número de tendas, as crianzas participantes verán ampliadas a zona de comedor e acondicionada a zona de árbores.
A presidenta da Deputación explicou que ata o 10 de setembro serán un total de 11 as quendas dos campamentos, cada unha de sete días, con 70 rapaces e 70 rapazas cada unha. A entrada está previsto todos os domingos a partir das 4 da tarde e de forma gradual ata as 7 para facela adaptada ás normas de distancia social.
Inglés, deporte, lecer ou ciencia
A presidenta destacou as numerosas actividades que mesturan lecer, deporte e coñecemento coa finalidades de que as e os participantes vivan unha experiencia completa nun entorno privilexiado. Inclúense propostas socioculturais, recreativas, formativas, medioambientais, científicas e de convivencia que posibiliten a participación de todas as rapazas e rapaces, que se complementarán cunha iniciación á inmersión lingüística en inglés.
Mulleres científicas, linguaxe de signos e unha feira romana
Unha das novidades é un obradoiro dedicado ás mulleres científicas, “porque queremos que as nenas e os nenos coñezan ás mulleres da ciencia”. No taller realizaranse experimentos caseiros e se porá en valor a figura da muller, “tendo de referencia a científicas de toda a historia”.
Tamén participarán nunha feira romana Arde Lanzadus, e de excursións ao Monte da Siradella e a Ons, obradoiros, actividades de coñecemento do medio, xogos nocturnos e, para rematar, unha gran festa final “para festexar a semana vivida no campamento”.
Por outra banda, nos meses de xullo e agosto, en coordinación coa Asociación de Persoas Xordas XOGA, haberá actividades para que as crianzas visualicen a linguaxe de signos.
Deseñando a imaxe do próximo verán
Amais, os e as participantes volverán a crear as súas propostas de mascota para decidir a imaxe da do vindeiro ano, e teñen na ampla oferta deportiva con actividades como tiro con arco, bodyboard, snorkel, xogos de praia, malabares ou sesións doutros deportes minoritarios.
Todas as actividades terán a fronte un equipo especializado e , no caso de menores con necesidades especiais, por razón da súa discapacidade disponse do persoal de apoio necesario adaptado.