Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada
O Parque das Illas Atlánticas de Galicia oferta este verán 350 rutas guiadas con preto de 4.000 prazas para coñecer a natureza e a historias da illas que conforman este espazo natural.
Estas rutas, faranse en grupos reducidos co fin de poder ofrecer unha experiencia da máxima calidade neste espazo protexido.
Cíes e Ons
Os interesados poderán apuntarse persoalmente nas casetas de información nas illas Cíes e Ons no mesmo día de realización do percorrido ata cubrir as prazas. Tamén se poderá reservar a visita a través da central de reservas, onde se ofertan 250 prazas do total dispoñible.
No caso das illas Cíes, pódese facer esta reserva para a ruta ofrecida os xoves de xullo e agosto ás 12 h. E no caso das
Ons, nas dos mércores ás 12 h.
Sálvora e Cortegada
Para as visitas a Sálvora e Cortegada a reserva só se poderá facer de xeito telemático. En Cortegada ofrécense 4 visitas nos domingos de xullo e agosto mentres que en Sálvora a oferta é 5 visitas nos luns de xullo e agosto. Estas rutas serán en grupos de 11 persoas con 121 prazas dispoñibles.
A solicitude a través da central de reservas das rutas a Sálvora e Cortegada poderá facerse, como máximo, ata o xoves anterior ao da visita; e para Cíes e Ons ata 24 horas antes da realización da ruta, ou no mesmo día de facelo presencialmente nas casetas de información.
Cómpre lembrar que, aínda que estas rutas son gratuítas, os visitantes deberán facerse cargo do traslado ata a illa. No caso de Cíes e Ons, ao existir transporte regular durante o verán, cada persoa debe solicitar a súa autorización de visita e o seu billete. O guía estará esperando na illa.
Así e todo, no que respecta a Sálvora e Cortegada, que só se poden visitar en compañía dun guía, o propio Parque organiza o grupo e contrata o transporte, pero o visitante, logo de reservar a súa praza a través da páxina de reservas, debe pagar o billete á navieira seguindo as indicacións que lles fará chegar o Parque.