Para cápsulas de café, pilas, lámpadas, cartuchos de impresora ou teléfonos móbiles
A Concellería de Medio Ambiente de Salceda, ven de instalar dous minipuntos limpos fixos en sendas rúas do casco urbán. Os mesmos estarán situados na rúa Pontevedra, á altura da Praza de Abastos, e na Praza da Devesa.
Sete tipos de refugallos
Este tipo de minipuntos servirán para que a veciñanza poida depositar ata sete tipos diferentes de residuos especiais como cápsulas de café, pilas, lámpadas, CD, DVD, cartuchos de impresora, RAEES e teléfonos móbiles.
Estes dispositivos de recollida axudarán a realizar a correcta reciclaxe deste residuos que son altamente contaminantes e que en moitos casos a cidadanía non podía reciclar de forma correcta.
Os contenedores de recollida indicarán de forma gráfica e sinxela en que lugar se teñen que depositar cada un dos residuos, aportando igualmente ás persoas que os utilizan, información de carácter medioambiental para dar a coñecer o seu proceso de reciclaxe.
Promoción do Comercio Local
Por outra banda, a súa parte frontal será utilizada pola Concellería de Comercio que dirixe a alcaldesa Verónica Tourón, como panel de información promocional sobre as actividades comerciais a realizar en Salceda, o que servirá para darlles unha maior cobertura ao sector comercial e hostaleiro.
A alcaldesa subliñou que “este modelo de minipuntos permite unha xestión de residuos máis responsable e, ao mesmo tempo serve para promocionar a actividade comercial local, dunha forma dinámica e integrada no mobiliario urbán”.