Cun investimento de preto de 500.000 euros
A Deputación vén de dar o primeiro paso para a mellora integral da EP-2601 Mos-Puxeiros coa presentación da fase inicial desta actuación para garantir a seguridade viaria e peonil nesta estrada e atender así unha demanda histórica da veciñanza.
Carmela Silva, acompañada da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e de representantes da corporación municipal, de asociacións veciñais das catro parroquias polas que discorre o viario, dos presidentes da Comunidade de Montes e da Fundación Pazo de Mos, deu a coñecer hoxe este proxecto que, como subliñou, “dá resposta a unha demanda histórica. A actuación vai supoñer un antes e un despois nesta estrada, unha grande transformación na que a prioridades serán as persoas”.
Catro tramos
Silva destacou que esta actuación integral dividiuse en catro tramos e decidiuse conxuntamente co Concello e coa veciñanza comezar polo treito de case 600 metros no que se inicia o viario e que discorre pola parroquia de Santa Eulalia, ao ser lugar de paso do Camiño de Santiago, “que debe ser unha prioridade, porque cada día se achega máis xente que o fai e queremos telo nas mellores condicións posibles”.
446.545 euros
As obras, que terán un orzamento de licitación de case medio millón de euros (446.545€) _que asumirá ao 100% a institución provincial xa que o 30% de aportación municipal financiarase co Plan Concellos_, garantirán espazos peonís continuos, cunha senda de 2,5 metros de ancho durante a maior parte da estrada, e contempla tamén a renovación do alumeado “con criterios de respecto ao medio ambiente e aforro enerxético” e de servizos como o saneamento.
Cooperación co Concello de Mos
Carmela Silva agradeceu a colaboración do Concello e a veciñanza “para dispoñer de todo o que precisabamos para poñer en marcha este novo modelo de infraestruturas provinciais” e anunciou que a partir deste momento “non pararemos ata rematar coa mellora do total de 5,6 quilómetros desta estrada”.
Deste xeito, se está a traballar nas outras fases do viario “no que xa realizaramos cuestións de mantemento e seguridade pero que é certo como nos trasladou xa hai tempo a alcaldesa que había necesidade de actuar.
Ao longo da estrada hai moitos núcleos de poboación e vivendas, e “a xente que vive nelas ten que ter espazos para transitar con seguridade, e tamén para camiñar”. A presidenta indicou que se espera licitar en setembro esta primeira fase, “e imos priorizala” para que as obras comecen neste 2022, mentres que xa se está a perfilar co Concello a segunda, cuxo proxecto está redactado e está agora pendente da consecución dos terreos necesarios para realizar a obra.
Unha demanda histórica
A alcaldesa Nidia Arévalo, amosou a súa satisfacción por “poñer xa data” á mellora da estrada, “unha demanda de hai moitísimos anos” e agradeceu o traballo conxunto “sempre da man” da Deputación e coa veciñanza “que estivo do noso lado buscando que o proxecto recollera as demandas de todas as parroquias e agora poñendo a disposición os terreos”.
Destacou que “este ano poderemos ver iniciadas as obras nesta estrada, que é das máis transitadas por vehículos, e ten moita participación de persoas ao seu redor”, e lembrou que a EP-2601 transcorre por catro parroquias, “con catro igrexas, dúas escolas con moito alumnado e onde hai zonas con moita cultura e moita vida, co Pazo de Mos, o Centro Dotacional de Torroso, a Asociación de Veciños e Veciñas de Dornelas, e esa era a preocupación, nos atopabamos nunha estrada onde cada día camiña rapazada, persoas maiores, persoas peregrinas e urxíanos comezar”.