Ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
O’Mega, sindicato maioritario médico de Galicia, presentou unha demanda no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Trátase dunha demanda de conflito colectivo “pola situación laboral que sofren os facultativos da sanidade pública galega”.
O dobre de pacientes que o establecido pola propia Xunta
Nun comunicado enviado á prensa, o sindicato subliña que “cada médico de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas) atende diariamente unha media de 70 pacientes -con picos no verán de até 80 en zonas turísticas-, o que supón o dobre do establecido na normativa deseñada pola propia Xunta en 2021 para garantir unha asistencia sanitaria de calidade, que establece entre 32 e 40 pacientes o número máximo de consultas que debería realizar un médico en cada xornada laboral”.
Risco de diagnósticos erróneos
Os representantes médicos alertan dos “prexuízos que se derivan, tanto para o persoal médico, onde a sobrecarga de traballo implica que se multipliquen as incapacidades laborais e o risco de emitir un diagnóstico erróneo, como para os usuarios da sanidade pública, que non reciben unha asistencia de calidade acorde cos estándares deseñados polo propio Goberno galego”.
Vulnera a Constitución…
Para o sindicato a actual situación de sobrecarga na Atención Primaria supón, ademáis, unha “vulneración” dos dereitos fundamentais de médicos e pacientes.
En concreto, Sanidade incumpre o artigo 15 da Constitución, que “protexe a integridade física e psíquica dos españois”, e tamén o artigo 43 que consagra o dereito á saúde.
…e a lexislación laboral
Na mesma liña, a Xunta tamén incumpre a lexislación referente ao traballo. Neste sentido, os médicos apuntan a que “a actual situación laboral do persoal facultativo de Atención Primaria de Galicia pode definirse como a dunha inasumible carga laboral xeradora de dúas consecuencias prexudiciais fundamentais”.
“A primeira, unha grave afectación de gran parte do persoal médico obrigado a traballar nesta situación de sobrecarga laboral que da lugar a unha sistemática fervenza de procedementos de incapacidade laboral transitoria con procesos de carácter psíquicos, pero tamén físicos”.
Consecuencias para o enfermo
A ese feito súmanse as consecuencias para os enfermos “porque -continñua a demanda de O Mega- as excesivas e sobrecargadas axendas de pacientes impiden unha adecuada atención médica ante a inexistencia de tempos minimamente efectivos para poder efectuar, en gran parte dos casos, o correspondente estudo médico, diagnóstico e tratamento”.
Na mema demanda, os médicos subliñan que súas as axendas de traballo tamén abranguen visitas a domicilio, reunións clínicas, investigación e urxencias.